Iván Puentes: "Quero un PSOE que, sen complexos, aposte por gañar as eleccións"
Cun acto en plena rúa, na Praza do Teucro, "para que nos escoiten todos os cidadáns". Así arrancou a campaña de Iván Puentes ás primarias nas que o PSdeG-PSOE elixirá ao seu próximo candidato en Pontevedra, o que será o seu cartel electoral nas municipais de 2023.
O actual edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, acompañado de numerosos compañeiros de partido, debullou as principais claves do que será un proxecto político co que, segundo destacou, pretende "cambiar as cousas e non resignarse".
Puentes sostivo que os socialistas deben adoptar un "rol diferente" ao que tiveron nos últimos anos. "Quero un PSOE que, sen complexos, aposte por gañar as eleccións", afirmou, de forma que non sexa un "simple socio de goberno" senón que "lidere ese goberno".
"Se comos capaces de unirnos e de traballar xuntos, de falar do que lle importa á xente e de construír unha alternativa, o próximo goberno estará encabezado polo PSOE", subliñou.
Tras apuntar que optou por dar este paso por "compromiso" e por "inconformismo", o concelleiro socialista reiterou que "non me conformo con que, catro anos máis, todo siga igual nesta cidade", unha urbe que para el "é fantástica pero non é perfecta".
Defendeu que o modelo urbano pontevedrés "funcionou ben" estes 24 anos, unha transformación da que os socialistas "estamos tremendamente orgullosos" porque contribuíron ao seu desenvolvemento "desde o minuto un".
A pesar diso, Iván Puentes sostivo que "aspiramos a algo máis" e poder impulsar un "plus de enerxía e modernidade" para adaptala ás necesidades actuais dos seus cidadáns.
A este respecto, identificou catro craves do seu proxecto, que resumiu nunha cidade cun modelo amable, unha cidade verde que se abra ao río, unha cidade que "pense no emprego" e unha cidade "que sirva para todos", na que nenos e maiores vivan comodamente.
Na presentación da súa candidatura, Iván Puentes estivo arroupado por numerosos cargos públicos do PSdeG-PSOE, entre eles os edís Yoya Blanco e Marcos Rey, o deputado Guillermo Meijón, a senadora Marica Adrio ou a parlamentaria autonómica Paloma Castro.
Outros socialistas relevantes en Pontevedra como a ex deputada galega Patricia Vilán, tamén quixeron acudir á Praza do Teucro para dar o seu apoio ao candidato que, salvo sorpresa, terá que medirse nas primarias co actual portavoz municipal socialista, Tino Fernández.
Relacionadas:
-
O PSOE 'oficializa' as súas primarias en Pontevedra e confirma a Tino Fernández e Iván Puentes como candidatos
Por Alejandro Espiño |
-
Tino Fernández ou Iván Puentes, só pode quedar un á fronte do PSOE pontevedrés
Por Alejandro Espiño |
-
11-D, data escollida polos socialistas para as primarias en Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
Pontevedra traza unha "revolución verde e azul" con 20 millóns para que os seus ríos "non estean illados"
Por Alejandro Espiño |
-
David Regades: "Somos unha das mellores provincias para o socialismo en toda España"
Por Redacción |
-
Iván Puentes inicia a carreira para liderar o cartel do PSOE nas municipais de 2023
Por Redacción |
-
Tino Fernández quere repetir como candidato do PSOE: "Boa parte da militancia animoume a dar este paso"
Por Alejandro Espiño |