San Adrián de Cobres terá céspede artificial
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra destinará preto de 450.000 euros ás obras de ampliación, mellora e dotación de herba artificial ao campo de San Adrián, actualmente de terra. Así se recolle no convenio de colaboración que o presidente da Deputación, Rafael Louzán, asinou esta tarde co alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro.
O convenio establece que a Deputación investirá 442.474,48 euros nestes traballos, que incluirán a remodelación do campo, coa dotación de céspede artificial de última xeración, a ampliación do terreo de xogo para que poida marcarse como campo de fútbol 11 e dous campos transversais de fútbol 7 (gañando así en funcionalidade), así como a dotación de novas instalacións e equipamentos para adecualos á normativa vixente. Neste sentido, dotarase do equipamento necesario como marcadores, porterías ou bandeiríns.
A Deputación financiará todos os gastos que derivan da obra, incluídos os de dirección de obra e de seguridade e saúde, mentres que o Concello de Vilaboa se encarga de sufragar o custo da redacción do proxecto, así como de poñer á disposición da Administración Provincial os terreos necesarios.