A bandeira azul xa ondea en Banda do Río: "Hoxe é un día histórico"
Por Redacción
Debido ao seu simbolismo, Bueu non quixo perder a oportunidade de festexar por todo o alto a concesión da bandeira azul á praia de Banda do Río. Nela, desde este xoves, xa ondea este distintivo. "Hoxe é un día histórico e moi emocionante", asegurou o alcalde, Félix Juncal.
O rexedor destacou o "valor incalculable" que ten a bandeira para unha praia que, antes do 2007, era o "lunar negro" da vila e que "pouco a pouco fomos capaces de recuperar".
Este areal urbano, segundo Juncal, "é un referente desta vila mariñeira". A bandeira de calidade que lucirá desde agora "supón un tributo a todas as persoas do barrio que nos trasladaron ao longo destes anos a necesidade que tiñamos de recuperar este areal".
Iso foi posible grazas a un traballo "planificado pero non exento de dificultades", no que houbo que corrixir moitas verteduras de augas residuais, situación que se mellorou ano tras ano e que permitiu que na pasada tempada este areal se incluíse xa no censo oficial das praias por parte da Consellería de Sanidade debido á calidade excelente da súa auga.
O Concello de Bueu leva meses traballando na xestión de todos os servizos das praias. Así, arranxou algunhas pasarelas de acceso ás praias e renovou outras, instalou baños químicos e duchas, reforzou o servizo de recollida de lixo e mellorou os accesos a areais como o de Tuia.
Desde esta semana activarase ademais o servizo de socorrismo nos cinco areais de bandeira azul: Banda do Río, Lapamán, Portomaior, Lagos e Area de Bon.
Relacionadas:
-
Benvida ao verán en Sanxenxo co izado das 17 bandeiras azuis
Por Redacción |
-
Galicia, o país dos 43 quilómetros de praias con bandeira azul
Por Alejandro Espiño |
-
As praias de Bueu terán socorristas entre o 1 de xullo e o 15 de setembro
Por Redacción |
-
Banda do Río, a novidade entre as 112 praias galegas con bandeira azul, 17 delas en Sanxenxo
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada