17 empresas de gas, electricidade e telefonía, entre elas Ence e Vodafone, "defraudan" impostos, segundo o Concello
Por Alejandro Espiño
Así de rotundo mostrouse Raimundo González, portavoz do goberno municipal. Das 38 empresas que prestan servizo de subministro de gas, electricidade e telefonía en Pontevedra, "un alto número defraudan por non estar dadas de alta". En concreto, son 17 as que non pagan o correspondente imposto polo uso ou aproveitamento de solo, subsolo e voo das vías públicas municipais. Deixaron de pagar uns 750.000 euros.
Trátase dunha fraude detectada trala comprobación tributaria desta taxa. "Ata agora recadamos xa uns 100.000 euros, pero só é a punta do iceberg", sinalou o edil de Facenda. O Concello de Pontevedra espera recuperar 400.000 euros en 2013 e outros 350.000 euros en 2014 por estes atrasos. A iso hai que sumar o aumento do 20% que supoñerá no padrón destas empresas, ao pasar a ingresar de 1,1 a 1,3 millóns de euros anuais por esta taxa.
Preguntado sobre por que non se revisou antes esta cuestión, Raimundo González explicou que ata agora non fora necesario facelo, "estaba Fenosa, Telefónica e pouco máis", pero que a liberalización do mercado eléctrico, iniciada hai catro anos, permitiu que numerosas empresas empezasen a comercializar enerxía, o que obriga a manter un maior control sobre este tipo de compañías.
En total, prestan os seus servizos no municipio 27 compañías eléctricas, 6 de gas e 5 de telefonía. De todas elas, un 44% (13 eléctricas, 2 de gas e 2 de telefonía) non pagan o correspondente imposto que agora lles reclama Pontevedra. Entre elas, destacan nomes como Vodafone ou Ence. Esta última, destacou Raimundo González, "será porque comercializa parte da enerxía eléctrica que produce", venda que non declararía ao Concello de Pontevedra. Este extremo foi negado rotundamente por Ence.
Todas estas empresas están obrigadas a pagar o 1,5% dos ingresos que xeren no término municipal.
Relacionadas:
-
Os socialistas piden ao Concello que cobre unha taxa ás empresas de telefonía móbil
Por Oskar Viéitez |
-
Ence nega deber impostos ao Concello e pide ao goberno local que evite "verter acusacións inxustas"
Por Redacción |
-
O Concello inspeccionará o IAE das empresas que facturen máis dun millón de euros
Por Redacción |
-
Os pontevedreses que o desexen poderán fraccionar o pagamento do IBI
Por Oskar Viéitez |