Moreira interésase polos plans de Fomento para as vías do tren que queden en desuso
Por Redacción
A posibilidade de uso peonil da ponte da vella vía férrea que cruza o Verdugo en Ponte Sampaio, foi un dos principais asuntos tratados na reunión mantida en Madrid a finais da semana pasada polo concelleiro do PP en Pontevedra Jacobo Moreira e unha representación técnica do Ministerio de Fomento encabezada polo secretario xeral de Infraestruturas, Manuel Niño.
O Ministerio non ten aínda unha decisión tomada ao respecto, pero o voceiro do grupo popular en Pontevedra cre que existen moitas opcións de que sexa finalmente un paso peonil tal e como solicitou o Concello de Pontevedra.
A reunión con Niño chega tras o recente percorrido que representantes veciñais de Ponte Sampaio e concelleiros do PP de Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior realizaron na beira do Verdugo co xefe do Servizo Provincial de Costas, a quen lle solicitaron a habilitación dunha senda litoral dende a Illa de Medal ata o límite co termo municipal de Vilaboa.
Ese paseo pasaría por debaixo das pontes da estrada xeral e das dúas liñas de ferrocarril, a antiga e a da alta velocidade, bordearía as instalacións de Pontesa e seguiría ata Vilaboa, cunha lonxitude aproximada de un quilómetro.
Así mesmo, Moreira interesouse polo futuro da vía vella entre Pontevedra e Ponte Sampaio. O concelleiro formulou a posibilidade de que, se finalmente queda en desuso, se acondicione unha senda verde por ese tramo de vía, permitindo un camiño peonil dende a cidade ata Ponte Sampaio.
Relacionadas:
-
Ultiman o proxecto para converter a vella ponte do tren nunha pasarela peonil sobre o Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
Resolta a reparación dos danos causados polo AVE, o Concello aborda con Fomento o futuro das pontes en desuso
Por Oskar Viéitez |
-
Costas estudará a construción dunha senda litoral polo río Verdugo en Ponte Sampaio
Por Redacción |