A Autoridade Portuaria de Marín pon en marcha o Plan de Igualdade
Por Redacción
Nas últimas horas asinábase pola Autoridade Portuaria de María e Ría de Pontevedra o Plan de Igualdade, que terá unha vixencia de catro anos, coa intención de impulsar accións que reforcen o compromiso coa igualdade de oportunidades e a toma de decisións, atendendo a criterios de equidade e non discriminación entre homes e mulleres.
Este documento elaborábase pola Comisión negociadora do Plan de Igualdade composta por representantes da empresa e dos representantes legais do persoal, tras realizar unha análise da situación e distribución do equipo de traballo da Autoridade Portuaria.
O Plan afectará a todo o persoal da institución, nos seus diferentes centros de traballo. A Comisión de Igualdade do Porto de Marín será o organismo encargado de realizar o seguimento do Plan que atenderá a cinco puntos principais: selección e promoción profesional; formación; conciliación; comunicación e prevención do acoso.
Os criterios seguidos para a elaboración desta iniciativa baséanse no Real Decreto 6/2019 que recolle medidas urxentes que garantan a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego. Tamén se atende ao Real Decreto 901/2020 no que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro, segundo informan desde a Autoridade Portuaria. Este documento contribúe a cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que recolle a Axenda 2030, sobre igualdade de xénero, traballo decente, crecemento económico e redución de desigualdades no ámbito laboral.