A veciñanza de Cerponzóns prepara mobilizacións de apoio a Manuel Gallego: "Estamos contigo"
Por Natalia Puga
O pobo de Cerponzóns está disposto a gritar aos catro ventos o seu apoio a Manuel Gallego Fariña no difícil momento que está a vivir desde o pasado 20 de xuño, cando empezou o proceso de demolición da súa vivenda por orde da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e pasou a durmir nun galpón dunha leira anexa.
Xa desde que se coñeceu a derriba da vivenda déronlle o seu apoio e os seus veciños e veciñas empezaron a realizar donativos de fondos nunha conta bancaria aberta pola súa filla. Este domingo, reiteraron ese respaldo no transcurso dunha asemblea moi concorrida.
Decenas de persoas acudiron á convocatoria e despregaron unha pancarta cunha mensaxe que non deixa lugar a dúbidas sobre o seu apoio: "Manolo, estamos contigo". Ademais, empezaron a planificar un calendario de mobilizacións para facer máis visible ese respaldo.
De momento, non concretaron os días das protestas, á espera de asesorarse e solicitar os permisos pertinentes ás autoridades, pero si decidiron que queren realizar manifestacións e concentracións pacíficas durante varios días seguidos para que senta o seu "apoio moral".
Será, con case toda seguridade, no lugar de Leborei no que se derrubou a súa vivenda e en todas elas utilizarán a pancarta despregada este domingo durante a reunión veciñal. Ata entón, a filla de Manuel, que acudiu á asemblea, decidiu colgala no muro da casa.
"A xente respondeu moi ben", aseguran os veciños de Leborei, que insisten en que "o apoio é unánime". Engaden que "a xente ten ganas de facer algo, nota a impotencia e quere facer algo por Manolo".
Non só queren apoialo ante a perda da súa casa, senón tamén ante a denuncia interposta por outra veciña por ameazas e abuso sexual, que o levou a pasar a noite de mércores para xoves nos calabozos e agora manteno en liberdade en calidade de investigado e cunha orde de afastamento.
A veciña que lle denunciou foi a mesma que fai dez anos denunciou a ilegalidade da casa de Manuel, que finalmente foi derrubada por construírse sen licenza e, segundo destacan os habitantes de Leborei, trátase dunha persoa que xa denunciou a moitos veciños por diversos motivos.
Os veciños da zona mostran total respecto á decisión da APLU sobre a casa e á investigación policial e xudicial sobre o caso de ameazas e abuso sexual, pero si que destacan que "de momento, poñemos en dúbida esas acusacións e cremos que el é máis a vítima que o acosador".
Relacionadas:
-
Veciños de Cerponzóns mostran o seu apoio a Manuel Gallego ante as ruínas da súa casa demolida
Por Natalia Puga |
-
Cerponzóns envórcase con Manuel Gallego, sen casa e denunciado: "nunca causou problemas con ningún veciño"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Manuel Gallego, denunciado por ameazas e abuso sexual a unha veciña, deféndese: "Eu non fun, inventouno"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Detido o dono dunha casa derrubada en Leborei por ameazas e abuso sexual a unha veciña
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada