Sufocan un incendio nun galpón que afectou un vehículo
Por Redacción
Os bombeiros de Pontevedra e as policías Local e Nacional mobilizáronse ao mediodía deste domingo ata a rúa Alfredo Brañas para sufocar un incendio orixinado nun galpón anexo a unha vivenda unifamiliar.
O lume iniciouse ao redor das 13.00 horas e, tras recibir varias chamadas de particulares, policías e o 112, os bombeiros de Pontevedra desprazáronse ata o lugar para realizar as tarefas de extinción.
Dúas dotacións dos bombeiros, dúas patrullas da Policía Nacional e unha patrulla da Policía Local desprazáronse ao lugar.
O incendio iniciouse dentro dun galpón e, ademais de queimar a propia estrutura, afectou a un vehículo que estaba estacionado no interior.
De momento, descoñécense as causas do lume, aínda que todo apunta a que pode ter orixe nun cadro eléctrico.