Volve o polbo fresco ás lonxas galegas
Por Redacción
A partir deste luns, o polbo fresco galego volve ás lonxas. Ás 5.00 horas deste luns 4 de xullo comeza en toda Galicia a campaña extractiva do polbo, que nas Rías Baixas ten a Bueu como principal porto de referencia.
A campaña prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2023, que se fixará a través do correspondente plan negociado entre a Consellería do Mar e o sector e se publicará antes do seu comezo.
Entre este luns e o 31 de agosto a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 210 quilogramos ao día.
No resto da campaña, a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se engaden 50 quilogramos diarios por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 350 quilos por día.
O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06.00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05.00 horas- e finalizará ás 16.00 horas. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados a bordo.
De cabo Silleiro a Corrubedo, os aparellos terán que levantarse e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.
Relacionadas:
-
A XXI Festa do Polbo chega a Bueu cunha vintena de especialidades e actividades paralelas
Por Redacción |
-
Dous euros máis por ración: a Festa do Polbo, abocada a subir os prezos
Por Redacción |
-
Chamamento aos hostaleiros de Bueu para que participen na Festa do Polbo
Por Redacción |
-
Bueu reivindica a cultura do mundo mariñeiro con xornadas de promoción do polbo
Por Redacción |
-
Segundo ano sen Festa do Polbo en Bueu, que a substitúe por dúas xornadas de conferencias e degustacións
Por Redacción |
-
Chega o polbo e vaise o choco da Ría de Pontevedra
Por Redacción |