Aumenta a demanda do servizo de orientación laboral de Cuntis, con máis de 360 entrevistas no primeiro semestre
Por Redacción
O Servizo de Orientación Laboral de Cuntis rexistrou un importante incremento de actividade neste ano 2022. Durante o primeiro semestre, prestou atención personalizada a 361 persoas tanto na procura de emprego como no itinerario previo para a súa incorporación ao mercado laboral.
Se o ritmo de traballo continúa durante o resto do ano, vaise rexistrar moita máis actividade que en 2021, pois durante o pasado exercicio, a técnica de orientación laboral realizou un total de 529 entrevistas, o que supón 264 por semestre fronte ás 361 deste ano.
Este departamento municipal, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade, é un referente para as persoas que buscan emprego, tanto para os que queren mellorar a súa formación profesional como para os que optan por unha reciclaxe profesional.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, destaca que o seu obxectivo é "reducir a taxa de desemprego na vila" e anima ás persoas en situación de desemprego a achegarse e solicitar o asesoramento da técnica de emprego.
"Ter acceso a un salario é algo que nos dignifica e nos iguala a todos e a todas", destaca Campos, que engade que nalgúns casos é necesario reciclarse e formarse para a demanda actual e "sempre é un bo momento para aprender e adaptarse".
O Servizo de Orientación Laboral está situado no Centro de Formación Ocupacional A Ran, no polígono industrial A Ran, unha localización que facilita establecer unha rede de contactos entre o Concello de Cuntis e o tecido empresarial para levar a cabo accións de intermediación laboral.
A técnica de emprego traballa en horario presencial de 8.00 a 15.00 horas ou a través do número de teléfono 986 532 579.
Desde este Servizo de Orientación fan un acompañamento personalizado no desenvolvemento do itinerario formativo e laboral de cada persoa atendida, ademáis de deseñar e planificar accións grupais de orientación laboral que poidan ser de interese para as persoas orientadas .
Este Servizo de Orientación Laboral traballa en colaboración e coordinación con outros axentes sociais como a OMIX, a Aula Cemit, os Servizos Sociais de Cuntis e de outros concellos próximos, ETTs, oficinas de emprego da contorna, entidades sociais e ONGs.
Relacionadas:
-
Cuntis busca cen alumnos para unha nova edición do plan integrado de emprego
Por Redacción |
-
Achega de 25.000 euros da Xunta para a contratación dun técnico de orientación laboral en Cuntis e Caldas
Por Redacción |
-
TIC Emprendes ofrece alternativas laborais para que a xente moza quede no rural
Por Noticia patrocinada |
-
Cuntis e Caldas manteñen activo un servizo de apoio e asesoramento laboral ante a crise sanitaria
Por Redacción |