Inventa un desafiuzamento inminente para pedir diñeiro a unha amiga da familia e úsao para comprar un BMW
Por Natalia Puga
Unha pontevedresa debe cumprir unha pena de dous anos de prisión por unha estafa cometida no ano 2018 na que enganou a unha amiga da familia para que lle prestase 4.500 euros facéndolle crer que a vivenda da súa avoa sería desafiuzada de forma inminente se non paga.
Dous xulgados consideraron probado que actuou "aproveitándose da boa relación que a unía a ela e a súa familia" coa vítima e contoulle que necesitaba eses 4.500 euros para facer fronte a un embargo sobre a vivenda da súa avoa que tiña a súa orixe en que un fillo pedira un préstamo poñendo dita vivenda como aval.
A acusada contou á súa vítima que a vivenda sería desafiuzada ao día seguinte, o cal non era certo, e a súa vítima creu a historia e fíxolle unha transferencia á conta que lle indicou.
A estafadora dixo que a conta na que se facía esa transferencia era do Xulgado, pero, en realidade, era de dúas persoas ás que a acusada e o seu marido compraran un vehículo BMW por 4.000 euros. Pagaron o vehículo usando o diñeiro prestado para evitar o desafiuzamento.
A agora condenada comprometeuse a devolver o diñeiro prestado en prazos mensuais, pero unicamente devolveu 500 euros.
O seu engano tamén foi a máis e fixo crear á súa vítima que lle enviaba diñeiro usando probas falsas. Así, en abril e en maio de 2019 envioulle vía SMS capturas de pantalla duns supostos xustificantes de transferencias co membrete de Caixa Xeral. Con todo, non eran verdadeiros.
A acusada nunca chegou a devolver o diñeiro e o caso acabou na vía xudicial. O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenouna como autora dun delito de estafa a dous anos de prisión e ao pago, en concepto de responsabilidade civil, dos 4.000 euros que nunca devolveu á súa vítima.
Tras ser condenada, a muller recorreu a sentenza alegando "ausencia de engano suficiente" ao entender que a súa vítima actuou por "inxenua incredulidade" e non adoptou cautelas e medidas de autoprotección.
Ese recurso foi desestimado e agora a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de confirmar tanto a condena como os feitos considerados probados.
No procedemento xudicial tamén estivo acusado o marido da condenada, pero finalmente resultou absolto ao concluírse que descoñecía o engano da súa esposa.