Máis vendas e escaso público, balance do salón do coche novo de Pomóvil
Por Redacción
Satisfación na Cámara de Comercio de Pontevedra ante o balance que arroxa Pomóvil 2012 na súa modalidade de coche novo. Durante os tres días desta feira, os concesionarios venderon 51 automóbiles. A estas vendas pechadas habería que sumar os contactos feitos polos comerciais, preto de 200, con potenciais clientes aos que volverán ver e contactar nos próximos días.
Iso si, o número de visitantes que pasaron polo Recinto Feiral de Pontevedra é menor do que esperaban as empresas. A entidade cameral calcula que se achegaron a Pomóvil unhas 5.000 persoas. Unha afluencia que achacan, segundo un estudo realizado cos propios concesionarios pola escasa marxe de tempo dispoñible para dar a coñecer a feira, a crítica máis retirada entre o sector.
Parece claro que se trata dunha mensaxe dirixida aos órganos executivos da Cámara de Comercio. A incerteza sobre a feira, ao non confirmarse a súa celebración ata apenas un mes antes, fixo que non se garantise un bo certamen, ao carecer, segundo recoñece o sector, de tempo material para organizalo. En todo caso, entenden que Pomóvil é unha feira "necesaria" e espera que se respecte estas datas de novembro para futuros eventos.
Os concesionarios teñen unha maior esperanza depositada na outra modalidade de Pomóvil, a do coche usado e de ocasión. Trátase dun certamen que comezará a montarse o martes e que se celebrará a próxima fin de semana no Recinto Feiral de Pontevedra.