Manuel Gallego, denunciado por ameazas e abuso sexual a unha veciña, deféndese: "Eu non fun, inventouno"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Eu non fun", "iso non pasou", "a vi baixar coa filla e un criado, logo subiron os tres cara arriba e xa non vin nada máis". Con estas frases tan contundentes, Manuel Gallego Fariña deféndese da denuncia presentada por unha veciña que asegura que a ameazou e realizou tocamentos. Tras esa denuncia, pasou a noite nos calabozos da Policía Nacional e este xoves compareceu ante o xuíz de garda, que o deixou en liberdade. Pouco despois, a 30 metros da casa da denunciante, deféndese.
A súa filla, Laura Gallego, acompáñao nos seus pasos e na súa defensa. "Nin sequera falou con ela, eu estaba con el a esa hora", asegura, e atribúe a denuncia á inimizade manifesta que manteñen o seu pai e esa veciña desde fai máis de dez anos. "Xa o deixou sen casa e agora quere velo no cárcere", manifesta doída.
Os feitos polos que Manuel acabou no calabozo ocorreron supostamente ás 21.00 horas do martes, 28 de xuño. A veciña denunciou na Comisaría que foi coa súa filla á fonte situada entre a súa casa e a propiedade do seu veciño e, estando alí, el achegouse, ameazouna con facerlle dano cun coitelo e realizoulle tocamentos en distintas partes do corpo. PontevedraViva tentou falar con esta veciña para coñecer a súa versión, pero non o logrou.
Tras a denuncia e a correspondente investigación da Unidade de Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional, a el detivérono na tarde seguinte, o mércores 29. Tras pasar a noite na Comisaría, na mañá deste xoves 30 pasou ao dispor do Xulgado de Garda e deixárono en liberdade en calidade de investigado por ameazas graves e abuso sexual. Como medida adicional, impuxéronlle unha orde de afastamento que lle impide achegarse a 30 metros da casa da súa veciña, xusto a distancia que hai entre a vivenda e o galpón no que Manuel dorme desde que o pasado día 20 empezaron a demolerlle a casa.
A demolición desta vivenda foi o punto álxido da mala relación entre o denunciado e o seu denunciante. A orixe da derriba executada por unha empresa por orde xudicial e da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) é resultado dun preito de máis de dez anos que se iniciou cando esta veciña denunciou que se trataba dunha vivenda ilegal. Construída en chan rústico e sen licenza, acabou derrubada.
A filla de Manuel, Laura, que vivía con el nesa casa, asegura que esa denuncia urbanística foi a mala fe e que, desde entón, demostrou a inimizade co seu pai a través de varias denuncias. Segundo puido saber PontevedraViva, foron un total de oito denuncias cruzadas desde o ano 2006.
Segundo Laura, "primeiro quixo deixalo sen casa e conseguiuno" e agora "non quedou contenta" e quere ir máis aló e provocarlle un problema máis grave polo que "acabe no cárcere". Ese problema, sempre segundo a filla, sería esta denuncia por abuso sexual que ela non se cre.
"Inventouno", asegura Laura. Ademais, lembra que entre as denuncias que xa lle interpuxo esta veciña no pasado hai outra por abuso sexual -segundo puido saber este xornal, do ano 2019- pola que se celebrou un xuízo e "o meu pai gañou". Pechado aquel caso, ábrese agora este que cre que terá o mesmo resultado de absolución do acusado.
Nada máis saír en liberdade, o seu pai colleu o coche e regresou a Leborei, en Cerponzóns, onde estaba a súa casa e onde segue tendo unha leira anexa cun galpón no que está a durmir estes días. Uns familiares déixanlle unhas habitacións na súa casa para Manuel e Laura, pero el prefire durmir aí mentres termina a demolición da vivenda, pois os seus mobles están ao aire libre e "non queremos que nolos rouben". Durmindo nese galpón, "vixiamos o que nos queda".
Ese galpón está xusto a 30 metros da casa da súa veciña, de modo que si podería usalo sen incumprir a orde de afastamento. Para acceder sen incumprila, utiliza un camiño situado pola parte posterior, polo que evita pasar por diante da casa dela. "Teño que evitala, se a vexo, escápome, non podo cruzarme", ten interiorizado.
En canto á denuncia por abuso sexual, cre que non ten fundamento ningunha porque ese día a esa hora -28 de xuño ás 21.00 horas- só viu pasar á súa veciña coa súa filla e cun traballador, pero non falou con eles. A filla de Manuel confirma que a esa hora estaba con el e non pasou nada do denunciado. "Estivo todo o tempo comigo, non pasou nada diso", di con contundencia. Ambos se pasaron a tarde xuntos no terreo anexo á casa no que teñen un galpón.
Manuel non quere separarse de aí porque quere vixiar os mobles e tamén coidar ao seu can e aos animais que ten na propiedade, coellos, galiñas, catro cabras e dous pitos. Afastarse da súa casa cústalle. O propio día que empezou a derriba confesa que se puxo "fatal" e agradece moito o apoio dos veciños.
Segundo puido confirmar este xornal, tanto el como a súa filla reaccionaron moi mal á chegada da picaraña o 20 de xuño. El tentou impedir os traballos e acabou detido por atentado e resistencia/desobediencia á autoridade.
As tarefas de demolición prevese que terminen entre este venres 1 de xullo e o luns 4 de xullo e ata ese momento non poderá entrar na propiedade porque está precintada. Nese momento, irá coller "os mobles que me quedan", que cre que serán poucos porque "moitos están podrecidos xa". "O que valla, teño que aproveitalo" e, a máis longo prazo, a súa intención é pedir permiso para poder instalar aí algún tipo de vivenda portátil ou roulotte.
Relacionadas:
-
O TSXG confirma a absolución do veciño de Cerponzóns acusado pola súa veciña de tocamentos e ameazas
Por Natalia Puga |
-
Un conflito veciñal en Cerponzóns, ante o tribunal: unha muller denuncia "un sinvivir" e abusos e o acusado que "todo é falso"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Veciños de Cerponzóns mostran o seu apoio a Manuel Gallego ante as ruínas da súa casa demolida
Por Natalia Puga |
-
A veciñanza de Cerponzóns prepara mobilizacións de apoio a Manuel Gallego: "Estamos contigo"
Por Natalia Puga |
-
Cerponzóns envórcase con Manuel Gallego, sen casa e denunciado: "nunca causou problemas con ningún veciño"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Detido o dono dunha casa derrubada en Leborei por ameazas e abuso sexual a unha veciña
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
"Boa sintonía" entre administracións para 'poñer couto' ao tráfico de paso en Leborei
Por Alejandro Espiño |