Detido o dono dunha casa derrubada en Leborei pola denuncia por ameazas e abuso sexual dunha veciña
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Policía Nacional detivo este mércores a Manuel G.F., veciño de Leborei, na parroquia pontevedresa de Cerponzóns, tras unha denuncia presentada por unha veciña. Dáse a circunstancia de que este home viviu nos últimos días a demolición da súa casa como resultado dun longo proceso xudicial que ten orixe nunha denuncia desta mesma veciña.
A detención nesta ocasión débese a unha denuncia por un episodio de ameazas graves e abuso sexual que está aínda en investigación. A veciña, coa que ten desde hai anos unha inimizade manifesta, relatou que lle realizou supostamente tocamentos e ameazouna.
Os feitos ocorrerían na noite do día anterior, o martes 28 de xuño, cando a veciña, de 71 anos, estaba acompañada da súa filla, que presenciou o ocorrido e acudiu coa súa nai para denuncialos á Comisaría Provincial e pediu unha orde de afastamento para protexerse del.
Tras recibir a denuncia desta veciña, a Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional fíxose cargo da investigación, citou ao denunciado, de 67 anos, á Comisaría e na tarde deste mércores procedeu á súa detención polos delitos de ameazas graves e abuso sexual.
O home pasou a noite na Comisaría e na mañá deste xoves pasou a disposición do xulgado de garda, que decretou a súa posta en liberdade, en calidade de investigado por estes dous delitos, e acordou unha orde de afastamento que lle impide achegarse á súa veciña.
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu) da Xunta de Galicia executou a demolición da súa vivenda hai días por construíla hai décadas sen licenza en chan rústico. No expediente administrativo aberto sobre esta vivenda figura unha denuncia desta mesma veciña. Este xoves continúan os traballos de demolición na propiedade de Manuel, na que a vivenda foi reducida a entullos.
O día que empezou a demolición, o pasado 20 de xuño, segundo puido confirmar PontevedraViva, a Policía Autonómica acudiu á vivenda para dar apoio ás tarefas de derriba e o propietario tamén acabou detido por tentar impedir o traballo dos operarios. A Policía Nacional detívoo por atentado e resistencia/desobediencia.
Esta última denuncia da veciña a súmase a unha serie de denuncias cruzadas entre ambos desde fai máis de dez anos. Denunciáronse mutuamente ata oito veces na última década, sendo a primeira a presentada por ela contra a casa del.
Tras a demolición da casa, el pasou a vivir nun alpendre dun terreo anexo e supostamente estaba alí na noite do martes cando a veciña e a súa filla saíron á rúa, cruzouse con elas e producíronse as ameazas e tocamentos.
Relacionadas:
-
Un conflito veciñal en Cerponzóns, ante o tribunal: unha muller denuncia "un sinvivir" e abusos e o acusado que "todo é falso"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Veciños de Cerponzóns mostran o seu apoio a Manuel Gallego ante as ruínas da súa casa demolida
Por Natalia Puga |
-
A veciñanza de Cerponzóns prepara mobilizacións de apoio a Manuel Gallego: "Estamos contigo"
Por Natalia Puga |
-
Cerponzóns envórcase con Manuel Gallego, sen casa e denunciado: "nunca causou problemas con ningún veciño"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Manuel Gallego, denunciado por ameazas e abuso sexual a unha veciña, deféndese: "Eu non fun, inventouno"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |