Encarnación Rivas, Secretaria xeral de Urbanismo, tamén imputada polas investigacións urbanísticas en Sanxenxo
Por Redacción
As presuntas irregularidades urbanísticas detectadas no Concello de Sanxenxo levarán ao xulgado, tamén como imputada, a Encarnación Rivas, a actual Secretaria xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia. Está a ser investigada pola súa xestión á fronte da Xerencia de Urbanismo da localidade, responsabilidade que desempeñou entre os anos 2004 e 2006, sendo alcalde o agora deputado no Congreso, Telmo Martín.
Segundo informa Carlos García en Faro de Vigo, Encarnación Rivas deberá declarar sobre un dos cinco expedientes que están a ser analizados pola investigación. Trátase do expediente relativo á concesión de licenzas para o edificio da rúa Progreso, un inmoble sobre o que pesa unha orde de derrubamento parcial, ditada polo TSXG. Terá que comparecer ante o titular do Xulgado de Instrución número dous de Cambados.
Ao respecto desta imputación, a Xunta de Galicia, a través dun comunicado, quixo aclarar que esta investigación xudicial "se refire a unha cuestión estritamente municipal que nada ten que ver coas actuais responsabilidades de Encarnación Rivas" á fronte da Secretaría Xeral de Urbanismo e da Axencia Galega de Protección dá Legalidade Urbanística, organismo que ela mesmo preside.
Ademais, o goberno autonómico apela á presunción de inocencia e confían que "o caso sexa aclarado convenientemente, dentro da máxima colaboración coa Xustiza e respecto cara ás decisións xudiciais que mantiveron sempre os membros deste Goberno". Neste mesmo sentido, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu a "máxima celeridade" no proceso xudicial, ao tratarse de representantes públicos.
As investigacións, levadas a cabo pola Garda Civil nos últimos meses, provocaron a imputación dunha longa lista de políticos e técnicos relacionados pola xestión urbanística de Sanxenxo. Algúns medios elevan a quince as persoas implicadas. Entre elas, a propia alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González; o ex concelleiro de Urbanismo, Anxo Casal; ou técnicos municipais vinculados á Xerencia de Urbanismo.
Ademais do edificio da rúa Progreso sobre o que existe unha orde de derrubamento, esta investigación por presunta prevaricación urbanística estaría relacionada tamén coa construción de tres casas en Bascuas que presentaban problemas nos accesos, unha serie de
vivendas unifamiliares en Dorrón ou aos cambios realizados no proxecto de construción dun chalé na parroquia de Padriñán.
Ata o momento, dende o Concello de Sanxenxo non se quixo facer declaracións sobre este asunto. Remítense a unha rolda de prensa que a propia alcaldesa, Catalina González, protagonizará este mesmo luns.