Un "fallo de configuración" no despegue do avión complica a viaxe de Lores a Estrasburgo
Por Alejandro Espiño
A viaxe do alcalde de Pontevedra a Estrasburgo non comezou con bo pé. O volto que trasladaba á expedición pontevedresa desde Madrid á cidade francesa foi cancelado, despois de que se producise un "fallo de configuración" durante o despegue do avión.
Tras máis de media hora de espera na pista de aterraxe, esperando a autorización para o despegue polo "exceso de tráfico aéreo" provocado polo Cume da OTAN que se celebra na capital de España, a saída frustrouse por eses problemas técnicos.
Foi o propio piloto, despois de abortar o despegamento cunha brusca freada cando o avión xa acelerara para saír, o que informou desta incidencia. Ante o estupor -e o susto- dos pasaxeiros, explicou que o aparello "está ben" pero os bombeiros debían revisalo por seguridade.
Despois duns minutos de incerteza, nos que bombeiros, axentes da Garda Civil e persoal de Aena rodearon o avión ante a intranquilidade da pasaxe, o piloto comunicou que había que desaloxar o avión e regresar á terminal a bordo dun autobús.
Media hora máis tarde, xa na terminal T4, Iberia confirmaba a cancelación do voo a Estrasburgo por "motivos técnicos", ofrecendo aos viaxeiros a opción alternativa de recolocalos no voo do día seguinte ou optar por un itinerario alternativo ata París.
Esta segunda opción foi a elixida pola expedición pontevedresa, na que tamén viaxan o tenente de alcalde, Tino Fernández, e representantes de medios de comunicación.
O atraso obrigou a cancelar a recepción que a alcaldesa de Estrasburgo, Jeanne Barseghian, ía ofrecer a Fernández Lores, así como a asistencia de toda a delegación pontevedresa á cea de gala previa ao foro no que participará o alcalde.
Un autobús recolleralles no aeroporto de París para trasladalos ao seu destino, nun traxecto que superará as cinco horas e que lles impedirá chegar a Estrasburgo, segundo as previsións iniciais, ata máis aló das tres da madrugada.
A pesar destas complicacións, o alcalde de Pontevedra mantén a súa presenza no foro "Movilidad e peonalización: como facer os nosos centros urbanos máis accesibles e agradables", que se celebrará no Parlamento Europeo.
É unha mesa redonda incluída na programación dun congreso celebrado pola asociación francesa Centre-ville en mouvement, aproveitando a presidencia que ostenta Francia no Consello da Unión Europea.
A viaxe institucional concluirá o xoves tras o encontro que Lores manterá con autoridades locais no Consello de Europa, interesadas en coñecer os logros do modelo urbano pontevedrés.
Relacionadas:
-
Pontevedra, satisfeita de cumprir "todo os obxectivos" en Estrasburgo
Por Alejandro Espiño |
-
Estrasburgo e Pontevedra estreitan lazos cunha visión compartida sobre o futuro das cidades
Por Alejandro Espiño |
-
Europa mira cara Pontevedra na busca de inspiración para peonalizar as súas cidades
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez, presidente local do PP: "creo que o BNG ten un problema de cambio xeracional"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un xuño internacional para Pontevedra, que explicará o seu modelo urbano en Irlanda do Norte, Suecia, Francia ou Portugal
Por Alejandro Espiño |
-
Lestoux&Associés estuda en Pontevedra trasladar o modelo de cidade a un programa do goberno francés
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Pontevedra, invitada a explicar a súa transformación urbana no Parlamento Europeo
Por Alejandro Espiño |