O xoves ábrense as inscricións para a Batalla de Flores de Marín
Por Redacción
O Concello de Marín anuncia que abrirá a partir deste xoves 30 de xuño ás 09.00 horas a inscrición para participar na Batalla de Flores nocturna.
Este evento está programado para o martes 12 de xullo ás 22.30 horas.
A inscrición pode realizarse por correo electrónico, escribindo a alcaldia@concellodemarin.es ou de xeito presencial, na Alcaldía da Casa Consistorial da avenida de Ourense. As prazas estarán abertas ata completar o aforo.
Na solicitude deberán poñerse os seguintes datos: nome e apelidos, estilo de disfrace que se levará e idade.
En total, hai previstas sete carrozas con temáticas variadas: baile, gnomos, ananiños, flores, insectos e natureza. Poderán participar 15 nenos e nenas por carroza. No caso de que algún pai ou nai queira participar na carroza, tamén terán que ir vestidos acordes á temática da mesma.
A idade recomendada é entre 5 e 10 anos. No caso de ser menores desa idade, deberán ir sempre acompañados e vixiados por un adulto.
NOVOS USOS PARA A ESCOLA DO CARME
O Concello de Marín tamén comunicaba nesta xornada que a alcaldesa María Ramallo reuniuse coa directiva de Musimarín para xestionar o seu traslado á EEI Nosa Señora do Carme.
A alcaldesa de Marín solicitará á Xunta de Galicia a cesión do espazo despois de que se trasladase a unidade de Educación Infantil ao CEP Sequelo. Esta información trasladoulla á directiva da Escola de Música Musimarín, que actualmente ten a súa sede no CEIP da Laxe e que mostrou moito interese neste cambio de emprazamento.
"Esperaremos a que remate oficialmente o curso para solicitarlle formalmente á Xunta de Galicia a cesión da escola para poder iniciar esta transición, xa que consideramos que pode ser unha moi boa sede para esta escola, que ten tanto alumnado e que cada vez precisa instalacións máis axeitadas, nas que poidan levar adiante ensaios de distintos instrumentos simultaneamente", explicou a rexedora.
OBRAS EN PEDREIRAS
Por outra banda, os concelleiros Marián Sanmartín e Pablo Novas reuníronse recentemente con veciños e veciñas da zona de Pedreiras, onde se está a levar a cabo unha reforma integral.
Segundo indicaron os responsables da obra, xa están instalados os servizos de abastecemento, saneamento e pluviais. O seguinte paso será preparar o terreo para nas próximas semanas realizar as pavimentacións.
A previsión é poder ter a obra rematada durante o mes de xullo.
Relacionadas:
-
As Festas do Carme de Marín acollerán máis atraccións de feira que en anos anteriores
Por Redacción |
-
París de Noia, Panorama e unha Batalla de flores nas noites de verán das Festas do Carme
Por Redacción |
-
Multitudinaria Batalla de Flores para dar a benvida á fin de semana do Carme
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Oito carrozas enchen de cor as rúas de Marín na tradicional Batalla de Flores
Por Diego Torrado |