O Concello de Poio solicita ao de Vilaboa o cambio de nome da súa 'Festa do mar'
Por Redacción
O concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, confirmou este martes que o Concello de Poio solicitará formalmente ao Concello de Vilaboa o cambio de nome da súa 'Festa do Mar', un evento que celebrou a súa primeira edición a pasada fin de semana.
Tal e como se lembra na carta que o edil do goberno local lle remitirá a esta Administración local, este nome coincide co da 'Festa do Mar' de Combarro, que se celebra habitualmente en agosto na parroquia poiense e que ten o seu nome rexistrado desde hai máis dunha década.
Neste sentido, Martínez Blanco incidiu en que a patente que acredita o nome oficial do evento de Combarro foi obtida por primeira vez no ano 2008. O Concello, ademais, tramitou a súa renovación en 2018 para dez anos máis, polo que segue vixente a día de hoxe. É por iso polo que se lle solicita ao Concello de Vilaboa que modifique o nome da súa festa, a fin de "evitar confusións á cidadanía".
O titular de Festexos lembra que non é a primeira vez que se produce unha situación similar. "En anos anteriores xa nos atopamos con concellos que apostaron polo mesmo nome ca Festa do Mar, pero en canto lles informamos de que tiñamos o nome rexistrado realizouse o cambio de nome sen ningún problema", indicou.
A Concellería de Festexos contempla na programación do Verán en Poio 2022 a recuperación desta cita, logo de que en 2020 non se puidera celebrar e de que en 2021 houbese que apostar por un formato alternativo, debido á crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19.