Animan a participar nunha actividade que combina baile, andaina, tonificación e estiramentos
Por Redacción
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, presentou este luns a iniciativa 'Ghastas Pista?', coa que o programa 'A Vida é Movernos' e a escola de baile PonteBaile queren convidar á cidadanía a participar nunha actividade que se celebrará o domingo 3 de xullo e que combinará baile, andaina, tonificación e estiramentos.
Trátase dun evento de balde que busca conciliar saúde e diversión nun dinámico roteiro que partirá ás 10:00 horas da Ponte do Burgo, tras media hora de quecemento físico dirixido a través da danza, nunha camiñada de 4,6 kilómetros rumbo ás Corvaceiras e á Illa das Esculturas, seguindo precisamente o itinerario indicado no mapa do MetroSán (de hora e media de duración).
A Illa das Esculturas será escenario dunha nova parada para realizar unha aula de tonificación dirixida duns 20 minutos, retomándose posteriormente a andaina cara ao balneario do Lérez e a pasarela peonil, completando outros 8,5 kilómetros (o tempo estimado para este treito no MetroSán é de dúas horas e media). O traxecto pecharase cunha sesión dirixida de estiramentos, perfecta para regresar a casa relaxados, rematando arredor das 13:00 horas.
Tal e como precisou Fernández no acto de presentación, no que estivo acompañado pola responsable de PonteBaile e da coordinación da actividade (xunto con Adrián Esperón), Noemi Abal, a iniciativa "xurdiu co obxectivo de dar a coñecer un proxecto como o MetroSán, que está nacendo, e tentar que o pasemos ben, desfrutemos e fagamos exercicio", fomentando os hábitos de vida saudables, "facendo que as persoas que normalmente non fan actividade física se acostumen a facela e dispoñan de opcións para facela, e loitando contra a tristeza, a depresión e a soidade que nos acompañou durante esta pandemia e que aínda estamos a vivir".
Noemi Abal asegurou que, con esta proposta, "quixemos facer algo distinto" con "exercicios e quecementos moi sinxelos e distintas especialidades de baile, como bachata ou salsa, para tódalas idades: pais, avós, fillos... Polo que se pode facer en familia, pasando un domingo diferente".
Todas aquelas persoas que desexen participar nesta actividade de A Vida é Movernos poderán inscribirse a través do correo electrónico pontebaile@gmail.com (non hai límite de prazas). A organización achegará un equipo de megafonía para dispoñer de música e dun micrófono, botellas de auga e unha papeleira de reciclaxe.
Relacionadas:
-
Sábado de danza participativa na rúa para superar situacións de tristeza
Por Anxo Lourido |
-
O baile vai por barrios... e empeza este sábado en Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Unha rolda de talleres para levar a 'musicoterapia' a diferentes asociacións sociosanitarias
Por Redacción |
-
As 'Ponteandadas' vanse ata as Cabanas Prehistóricas de Salcedo
Por Redacción |
-
A Vida é Movernos programa unha xornada de andaina e baile para dar a benvida a xullo
Por Redacción |
-
Deportes estrea unha web que simplifica trámites e información a todo tipo de usuarios
Por Manu Otero |