Reforzo de area, aseos, boias e socorristas a diario para a tempada de verán na praia fluvial de Ponte Sampaio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A praia fluvial de Ponte Sampaio estreará esta semana a tempada de verán cun reforzo de servizos e posta a punto de toda a contorna. Durante os últimos días realizáronse traballos de mantemento e a partir deste venres 1 de xullo empezarán a traballar no areal socorristas e abrirán novos aseos adaptados para persoas con discapacidade.
Esta 'revolución' na praia fluvial herda boa parte dos servizos do ano pasado, primeiro no que houbo aseos no areal e socorristas a diario contratados polo Concello de Pontevedra, e dá un paso máis para mellorar a seguridade dos usuarios coa instalación de boias.
O concelleiro coordinador do rural, Alberto Oubiña, e o edil responsable da parroquia de Ponte Sampaio, Raimundo González, visitaron este luns a zona da Xunqueira de Ponte Sampaio e deron conta das novidades.
Así, explicaron que nos últimos días se realizaron traballos de mantemento da praia e toda a súa contorna, que incluíron tarefas de limpeza e tamén unha achega de area que se nota especialmente nunha das esquinas do areal, no muro máis pegado á área de xogos infantil.
Ademais, instaláronse aseos públicos na zona que ocupaba o antigo campo de fútbol. O verán pasado xa houbo este servizo e, no seu segundo ano, melloráronse para facelos máis accesibles. Estarán operativos ata ben avanzado o mes de setembro.
Ademais, vai instalar unha caseta para uso do servizo de socorristas e a partir do 1 de xuño haberá un especialista a diario e outro de reforzo durante os días festivos e fins de semana. Tamén será o segundo ano con este servizo a diario neste areal, pois se estreou en 2021 tras anos nos que só estaba operativo a fin de semana.
Dentro do proceso para dar maior seguridade aos bañistas, este verán, por primeira vez, colocaranse boias de protección na zona de baño para delimitar as áreas de uso dos bañistas das reservadas para embarcacións como motos de auga ou embarcacións pneumáticas ou de pequeno tamaño que adoitan proliferar no verán nesta praia.
Tamén nova é a contratación dun servizo de limpeza para os aseos, as papeleiras e a contorna en xeral que funcionará ata mediados de setembro e garantirá que a praia estea sempre "en perfecto estado de revista", segundo constataron os concelleiros.
A posta a piques desta praia e a posta en marcha destes servizos relatados supoñerán un investimento superior aos 70.000 euros. Nesta cantidade tamén se inclúe o gasto derivado da posta a punto, a reposición de area e a limpeza das algas na praia fluvial de Lourizán.
O obxectivo final é que ambas as parroquias, Ponte Sampaio e Lourizán, teñan unhas praias en condicións que garantan o seu uso con seguridade. Trátase de dous areais cada vez máis utilizados e que, no caso de Ponte Sampaio, adoitan encherse durante todo o verán.
Relacionadas:
-
Boias para reforzar a seguridade da praia do Lérez, na que "as correntes poden ser perigosas"
Por Redacción |
-
O PP demanda actuacións municipais para que as praias de Lérez e de Ponte Sampaio obteñan a bandeira azul
Por Redacción |
-
A praia de Ponte Sampaio terá socorristas a diario a partir de mañá
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello pon a mirada na praia de Ponte Sampaio: instala baños e estuda contratar socorristas
Por Redacción |