Encher un depósito de gasolina custa en Pontevedra 22 euros máis que en xaneiro, a pesar das bonificacións

Por Diego Espiño
Coas vacacións ao virar a esquina, sendo a época do ano na que se rexistran un maior número de desprazamentos por estrada, o prezo da gasolina segue sendo un das principais dores de cabeza para todos os cidadáns, tamén para os de Pontevedra.
Non é para menos, e é que desde o pasado mes de xaneiro ata o de agora encher un depósito de combustible dun turismo (tomando como referencia un depósito de 50 litros) custa 22 euros máis a todos os pontevedreses.
Así se desprende das cifras que ofrece o Ministerio de Transición Ecolóxica con respecto ás 12 estacións de servizo radicadas no municipio de Pontevedra.
Segundo eses números, en xaneiro o litro medio de gasolina despachábase a 1.522 euros e o diésel a 1.408, unhas cifras que foron en aumento sen descanso ata situarse en xuño nunha media de 2.147 e 2.05 euros respectivamente.
Nese prezo final non se ten en conta a bonificación aprobada polo goberno de 20 céntimos por litro de carburante, medida que se prolongará polo menos ata o próximo 30 de setembro.
Trátase dunha medida que alivia en parte a carga (10 euros por enchido nun depósito medio), pero que non a fixo descender, xa que mirando ás táboas encher un depósito de gasolina custaba en xaneiro aos pontevedreses 76.1 euros, no caso do diésel 70.4 euros, e agora incluída a bonificación esa cifra é de 97.35 euros para a gasolina (21.25 euros máis) e de 92.5 euros para o gasóleo (22.1 euros máis).
O peor de todo é que a subida dos carburantes non minora, e segundo os prezos oficiais das gasolineiras do municipio para este luns 27 de xuño só una das 12 estacións do municipio serve o diésel por baixo do prezo medio sinalado polo Ministerio para este mes de xuño, mentres que cinco fano no caso da gasolina.
Segundo elportal público geogasolineras.es, ao 27 de xuño o combustible máis barato pode atoparse na estación de baixo custo de Campañó (2.058 euros o litro de gasolina e 2.028 o de diésel), e o máis caro atópase en Salcedo, O Burgo, A Ermida e Carrefour no caso do gasóleo (2.149 euros o litro) e en Carrefour, Avenida de Lugo, Monte Porreiro, Salcedo e A Ermida no caso da gasolina (2.159 euros o litro).
Relacionadas:
-
Só dúas gasolineiras da comarca teñen o diésel por baixo dos 2 euros o litro
Por Redacción |
-
Tres gasolineiras de Pontevedra, denunciadas por subir os prezos o día que empezaron os descontos
Por Redacción |
-
"Normalizada" a situación nas estacións de servizo tras unha fin de semana de colas e problemas informáticos
Por Natalia Puga |