Arde unha embarcación na Illa polos restos dunha bomba de palenque

Por Redacción
Este domingo 26 de xuño é día de festa na Illa de Arousa, pero o que era un acto de celebración converteuse nunha actuación dos equipos de emerxencia para sufocar o incendio declarado nunha lancha.
Sucedeu pouco antes das 13.00 horas, cando tras unha tirada pirotécnica, segundo todo apunta, restos dunha das bombas de palenque caeron sobre a embarcación, que estaba fondeada no peirao do Campo.
Foron os veciños os que deron a voz de alarma ao ver como se iniciaba o lume.
Ademais da axuda dos propios veciños ata o lugar desprazouse o vehículo municipal de extinción de incendios e efectivos de Bombeiros do Salnés, xunto á Policía Local.
O lume propagouse con rapidez sobre a embarcación, que foi remolcada ata preto da beira, e a pesar da rápida intervención quedou afectada de maneira importante polas chamas, aínda que sen chegar a afundirse.