Os motivos da polémica multa do coche cun gatiño: xa o denunciaran cando apareceu no motor
Por Natalia Puga
A rocambolesca historia do gatiño que este xoves revolucionou a rúa Uxío Novoneyra con decenas de veciños tentando rescatalo do motor de dous coches ou observando o balbordo que se montou ten tamén unha cara B.
Tanto no propio lugar dos feitos como nas redes sociais por mor da publicación da noticia critícase a actuación da Policía Local porque multou ao dono dun dos vehículos por estar mal aparcado cando o gatiño estaba no seu motor e non podía movelo. Con todo, fontes oficiais da Policía Local confirmaron que esa multa formulouse xa antes da aparición do gato.
A hora física da denuncia é 12.21. A este home xa se lle advertiu de que fora detectado polas cámaras do multamóbil previamente a que o gato empezase a miañar, segundo fontes policíais.
A Policía Local ten constancia de que este coche estacionou na zona reservada de servizos da rúa Uxío Novoneyra e o vehículo co multamóbil pasa pola zona e fai unha foto. Hora e media despois, comprobouse que seguía alí e unha patrulla policial achegouse ao vehículo para notificarlle que ía ser multado e que debía sacar o coche ou sería retirado co guindastre.
Nese momento, este home estaba sentado no asento do acompañante fumando e respondeu os axentes que non podía sacar o coche porque non tiña carné de conducir. O home acudiu a Pontevedra desde Vilanova para acompañar á súa muller ao Hospital Provincial para recibir un tratamento de esclerose, pero a que conduciu era ela e el non podía mover o coche porque nunca se sacou e carné.
Cando apareceu o gatiño no motor, o home xa non podía mover o coche porque podía supoñer un perigo para o propio animal ou para o coche, que resultaría danado, pero a cuestión é que a sanción xa faba sido tramitada e xa lle notificaran que o multamóbil detectara que levaba alí máis de hora e media.
Fontes oficiais da Policía local tamén confirman que non hai constancia de ningunha chamada á Xefatura advertindo da presenza do gato no seu motor. O home si llo notificou a unha patrulla de Atestados da Policía Local que pasou polo lugar.
Segundo confirman fontes policiais, parounos e contoulles que tiña un gato no motor, ao que os axentes indicáronlle que eles non podían axudar, pero que podía chamar aos bombeiros. Advertíronlle, como adoitan facer, de que era posible que os bombeiros lle cobrasen polo servizo. Tamén nese momento comunicoulles aos policías que xa lle multaron.
O GATO, NUN GARAXE
Paralelamente á historia deste señor, suscita interese polo destino do gatiño. Tras saír do coche deste home, meteuse no dunha condutora que acababa de saír dun garaxe nesa mesma rúa. A muller regresou ao seu garaxe e tentou liberar ao cachorro, pero sen éxito, de modo que lle deixou unha cama con comida e bebida para que estivese alimentado e que tivese un refuxio se finalmente saía.
Ao longo da tarde deste xoves, a condutora non moveu o coche e acudiu ao garaxe en varias ocasións para sabe como seguía. Segundo relatou, o gato deixou o seu vehículo, pero meteuse noutro. Ela e a súa familia tentaron liberalo, pero estaba tan asustado que non o lograron. Deixáronlle comida e bebida e a cama que lle montaban e seguían escoitándoo miañar, pero todo intento para que saíse resultou infrutuoso.
Á primeira hora da mañá deste venres, o gato seguía no garaxe, onde se lle escoitaba miañar, e esta veciña, María Isabel Argibay, confirmou que había máis veciños implicados no coidado do animal. Ela deixara o xoves leite e xamón e logo engadido unha lata de atún. Cando se levantou este venres, alguén deixara tamén auga.