A Biblioteca de Campelo reduce o seu horario a partir do 27 de xuño
Por Redacción
A Biblioteca Municipal de Poio, situada en Campelo, modificará o seu horario a partir da vindeira semana. Desde este día, e ata a finalización do verán, as dependencias pasarán a estar operativas para a veciñanza polas mañás, de luns a venres, concretamente entre as 11.00 e as 14.30 horas.
Ademais, a titular de Cultura, Raquel Rodríguez, adianta que ao longo da tempada estival a biblioteca impulsará diferentes iniciativas. Así, en agosto, o día 19, desenvolverase unha nova edición do obradoiro de caligrafía creativa. Trátase dunha actividade que está dirixida á rapazada maior de 8 anos. É un curso de carácter gratuíto e dunha hora de duración, a través do cal os nenos e nenas practican a caligrafía a man.
Por outra banda, este verán tamén se habilitará na biblioteca un centro de interese co Atlas dos lugares literarios, no que se inclúen propostas de lectura, incluíndo clásicos universais. A maiores, a Concellería de Cultura segue a apostar pola renovación constante do catálogo existente nestas dependencias, para continuar consolidando “un servizo a través do cal apostamos pola difusión e promoción da literatura e da nosa cultura e da lingua galega”.