Morre José Manuel Pose Mesura, ex delegado do Goberno en Galicia
Por Alejandro Espiño
O ex delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Pouse Mesura, faleceu hoxe no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Tiña 62 anos de idade. Faino tras unha longa enfermidade, que o mantivo apartado da vida pública nos últimos meses.
A noticia transcendeu a través dos seus compañeiros no PSdeG-PSOE, entre os que se atopa o seu irmán, Modesto Pose, ata hai moi pouco secretario provincial dos socialistas en Pontevedra.
De feito, entre os primeiros en lamentar o seu falecemento atópase o seu compañeiro de partido, José Manuel Lage, que se referiu a el no seu perfil de Twitter como "un amigo, bo e xeneroso". Tamén manifestou que era "unha gran persoa, un gran socialista".
Acaba de falecer o ex-delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Pose Mesura. Un amigo, bo e xeneroso. Unha gran persoa, un gran socialista
José Manuel Lage(@jmlage) noviembre 4, 2012
José Manuel Pose Mesura, nacido en Barizo (Malpica), foi un dos fundadores do PSdeG-PSOE e exerceu como delegado do Goberno en Galicia durante varios meses, en substitución de Miguel Cortizo. En concreto, ostentou dita responsabilidade entre o 13 de outubro de 2011 e o 8 de xaneiro de 2012.
Licenciado en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela, Pose foi concelleiro do Concello de Ferrol, deputado socialista na Deputación da Coruña e membro do Consello Escolar de Galicia e do Consello Social da Universidade da Coruña. Foi director provincial do Inem na Coruña e ata o seu novo nomeamento foi subdelegado do Goberno na provincia.
Os seus restos mortais serán trasladados a un tanatorio próximo ao hospital coruñés, onde quedará instalada a capela ardente. Será enterrado mañá luns ás 18:00 horas na localidade da que era natural.