Unha sabotaxe deixa sen internet a máis de 5.000 veciños de Barro e Meis
Por Oskar Viéitez
Unha sabotaxe no servizo da internet provocou unha "avaría masiva" que deixou sen servizo a 5.000 veciños dos concellos de Barro e de Meis. Tamén están afectados usuarios da parroquia pontevedresa de Campañó.
Este domingo sobre as once e media da noite cortaron os cables de fibra óptica da central de Curro e este luns ao mediodía aínda non se puido restablecer completamente o servizo.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes confirmou que desde a Dirección Xeral de Telefónica de Galicia informáronlle de que se trataba dun incidente grave porque dúas liñas de cableado apareceron cortadas. Nas últimas semanas repetíronse este tipo de incidencias.
Unha das liñas, a que dá servizo ás institucións e servizos oficiais, xa foi reparada pero continúa a avaría que afecta os usuarios particulares. Unha reparación que resulta máis complexa porque esta conexión ten máis de 100 filamentos.
O alcalde expresou a súa preocupación porque entre os afectados atópase empresas de toda a zona e tamén o servizo de teleasistencia.