Barro celebra o día grande da Festa do Viño
Por Cristina Saiz
Barro celebra este domingo o día grande da Festa do Viño.
A programación arrincou no Pazo da Crega ás dez da mañá coa Cata de Viños Albariños Rías Baixas na que participaron un total de 21 marcas amparadas por 16 adegas adscritas á Denominación de Orixe Rías Baixas. Gañou 'Trailará', de Adegas do Rexurdir; seguido de 'Sin palabras', de Adegas Castro Brey; no terceiro posto 'Moraima', de adegas Moraima. Paralelamente, nun local anexo ao Pazo celebrouse unha cata de viños caseiros.
Os asistentes tiveron a posibilidade de adquirir botellas dalgún dos viños participantes a prezos especiais: 8, 10, 12 e 15 euros. Puxéronse á venda ao redor de catro mil botellas.
Mentres, a Charanga Alambique ía amenizando a festa ían chegando os participantes en con a concentración de Vespas, Lambrettas e motos clásicas.
Ao mediodía, como aperitivo, houbo unha sardiñada popular.
A entrega de premios tivo lugar á unha e media da tarde. O xurado estaba composto por tres expertos do panel de cata da Denominación de Orixe Rías Baixas (Fernando Alonso, Javier Pérez, José Dopazo) e un técnico do Consello Regulador, José Luis Martínez.
Logo chegou o tradicional e multitudinario "xantar".
A tarde complétase co concerto "As nosas voces", con Ana Angueira, Jorge Menéndez, Johnny Guimil e Robert Beade, ademais da Banda de música xuvenil de Barro.
O broche de ouro a estas festas é a actuación de Milladoiro a partir das 21.30 horas.