A Universidade de Vigo participa nun proxecto europeo de loita contra o cibercrime e o terrorismo na rede
Por Oskar Viéitez
Na loita contra o cibercrime hai un arma poderosa que foi creada pola Universidade de Vigo, é o software Fawrensian.
Trátase dunha ferramenta deseñada para loitar contra o ciberfraude que é capaz de verificar un millón de arquivos ao día e de detectar falsificacións tanto en documentos de identidade como tarxetas bancarias, principalmente, en transaccións vía móbil ou web.
Foi desenrolada polo atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, encabezado polo docente Fernando Pérez-González.
Esta semana 40 especialistas internacionais na loita contra o cibercrime e o terrorismo na rede participaron na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na reunión anual de Uncover, un proxecto europeo financiado polo programa Horizonte 2020 con 7 millóns de euros dirixido a mellorar as técnicas de análise forense en todo o que ten que ver coa detección de mensaxes e datos ocultos enviados por criminais e terroristas en calquera tipo de documento dixital multimedia.
Procedentes de nove países representan aos 22 socios implicados no proxecto, entre eles, a Universidade de Vigo.
Ter sido seleccionados para participar neste consorcio europeo supón para este grupo de investigación, creado na Universidade de Vigo hai xa 25 anos, todo un recoñecemento á súa longa traxectoria na análise forense de arquivos multimedia, unha traxectoria que vén avalada por máis de setenta traballos publicados en cabeceiras científicas internacionais e a consecución dunha ducia de patentes.
O obxectivo de Uncover é "desenvolver unha ferramenta na que, empregando a intelixencia artificial, poidamos detectar mensaxes en arquivos multimedia de grupos terroristas ou mesmo de pederastas que, empregando a técnica da esteganografía, envían mensaxes ocultas imposibles de percibir a simple vista", explican Fernando Pérez e David Vázquez, os dous investigadores de atlanTTic que lideran na Universidade de Vigo este proxecto.
Son os anfitrións dunha xuntanza que trouxo ata o campus de Vigo aos representantes das principais axencias de seguridade europeas, policías, institutos forenses e empresas de noves países, entre outros, a policía dos Países Baixos, o Ministerio do Interior de Francia ou a Oficina Nacional de Investigación de Finlandia. Por parte española, ademais da propia UVigo, o encontro conta coa participación do centro tecnolóxico Gradiant, a Ertzaintza e a empresa alacantina Ethical&Legal Plus, responsable dos aspectos éticos e legais do proxecto.
"As forzas de seguridade dos Estados son os destinatarios das ferramentas nas que estamos a traballar que deberán funcionar no mundo real coa mesma eficacia que o fan nun laboratorio. O obxectivo é que o algoritmo debe estar adestrado para poder analizar calquera disco duro ou comunicación á que teña acceso a policía", explican os investigadores da UVigo.
O proxecto Uncover, de tres anos de duración, arrancou en maio de 2021 e, tras un ano de traballo, a de Vigo é a segunda reunión presencial á que asisten todos os membros do consorcio.
Polas estritas medidas de seguridade e confidencialidade pouco se pode informar sobre o que están a traballar, pero, a nivel xeral, si se pode contar que a principal tarefa do grupo da Universidade de Vigo en Uncover é deseñar detectores de comunicacións secretas agachadas en contidos multimedia. Estes detectores especialízanse, tal e como explican os investigadores, en función da historia previa de ditos contidos.
Relacionadas:
-
Recambio xeracional e atraer talento investigador, retos do reitor Manuel Reigosa na súa nova etapa
Por Oskar Viéitez |
-
O equipo Pegaso da Garda Civil, tras a pista de todo o que voe
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Mulleres Salgadas organiza cursos de competencias dixitais para "derrubar as barreiras que as afastan dos postos de responsabilidade"
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras |
-
As 'ciberestafas', un fenómeno "en auxe" en Pontevedra: creceron máis dun 200% desde 2019
Por Redacción |
-
Escolares do colexio de Marcón recibiron o carné de "ciberexperto"
Por Redacción |