Gran asistencia de público á última edición de Pontebirra
Por Cristina Saiz
A Praza de España estivo moi animada este sábado coa numerosa presenza de público que acudiu á IV edición de Pontebirra, a Feira da Cervexa Artesá de Pontevedra.
O evento gastronómico, organizado pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e La Ruta del Lúpulo SL en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo e as firmas locais Nasa e Meiga, conta con cervexeiros procedentes de toda Galicia, Madrid, Castela e León, Castela A Mancha e Portugal.
A cita tamén inclúe música, obradoiros e xogos populares e seguirá aberta este domingo ata ás 22:00 horas.
Pontebirra ofrece unha ampla variedade de cervexas artesás, dende as pontevedresas Meiga e Nasa, pasando polas 'casas' Nós (Vigo), Irmaos de Lei (Vigo), Atlántica (Redondela), The One (Sanxenxo), Bubela (Lugo), Go (Madrid), Áncora (Ourense), Castreña (O Bierzo), Nortada (Porto), Siesta (Burgos) e Banda (Nigrán).
As foodtrucks participantes son Yummy World, de burguers gourmet; La Gallega, de parrilada e polbo; Caleyes, de hamburguesas; Crepería Sebastian, de crepes; Baden Baden, de salchichas; Capitán Samosa, de samosas, e Croquetas D.