A Festa do Orgullo sae ás rúas de Pontevedra para lembrar que ningunha conquista é irreversible
Por Redacción
Visibilizar a memoria do colectivo LGBTIQA e lembrar que ningunha conquista de dereitos é irreversible son as principais reivindicacións que centran o programa de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade de Pontevedra e maila asociación Avante LGBT+ co gallo do 28 xuño, Día Internacional do Orgullo.
Entre os actos festivos, culturais e conmemorativos incluiranse unha variada oferta de faladoiros e contacontos, a Mostra Internacional de Cinema 'Ambienta' e, o sábado 2 de xullo, unha Festa do Orgullo no parque do río dos Gafos e unha manifestación que sairá da praza do Hospital Provincial.
O programa porase en marcha este martes 21 ás 12:30 horas coa presentación da instalación artística 'Memoria LGBTIQA' no balcón da Casa da Luz.
A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, afirmou que "a bandeira LGBT volverá despregarse e nesta ocasión as palabras Orgullo e Memoria estarán ben visibles para lembrarnos a historia da loita do colectivo, que non podemos dar nin un paso atrás e que, evocando as verbas da poetisa portuguesa Ana Luísa Amaral, ningunha conquista é irreversible".
Tal e como subliña a socialista, "neste Orgullo imos rememorar certos fitos históricos que marcaron a cronoloxía da batalla a prol da diversidade e a igualdade" pero "ademais desta condición fortemente reivindicativa, o Orgullo pontevedrés manterá tamén a natureza festiva e cultural que caracteriza ao programa municipal Pinto e Maragota".
Así, está programada unha Festa do Orgullo que se celebrará no parque dos Gafos o sábado 2 de xullo e que dará comezo ás 13:30 horas cunha sesión vermú amenizada pola música de 'Llegamos tarde' DJ's.
A continuación, ás 14:30 horas, haberá un Xantar Colorido, cun posto de venda de comida e bebida e no que, por suposto, cada un poderá levar o seu xantar.
Xa pola tarde, desde as 16:00 horas, comezará unha Sesión Tardeo co espectáculo de Ariezzz DJ e Meiga-i, 'A Drag Pandereteira', un obradoiro drag con Chex Nova e un taller 'Pinta e Colorea', no que poderán elaborarse as pancartas para a manifestación que sairá ás 20:00 horas do Provincial.
A festa continuará en sesión de noite, entre as 21:30 e a 1:00, con actuacións de 'Llegamos tarde' DJ's e Ariezzz DJ e un concerto de Bratzantifa.
A programación cultural do Orgullo Pontevedra 2022, a cargo da asociación Avante LGBT+, desenvolverase entre os días 27 de xuño e 1 xullo. Ademais dos pases incluídos dentro da Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra 'Ambienta', tamén haberá un taller Contos de Cores, unha actividade infantil (4 a 10 anos) que se realizará o luns 27 ás 19:00 horas na Librería Seijas (avenida de Vigo, 13), con Alba Blanco (as prazas poden reservarse no email libreriaseijas@yahoo.es); un Club de Lectura Avante LGBT+ que terá lugar o martes 28 ás 18:30 horas na Librería Paz (rúa Peregrina, 29), onde tamén se presentará, ese mesmo día ás 19:30 horas, o libro 'A defunción dos sexos: Disidentes sexuais na Galiza contemporánea' (Xerais), coa participación da súa autora, Daniela Ferrández.
Tamén haberá un encontro coa actriz, política socialista e activista trans Carla Antonelli o mércores 29 ás 20:00 horas na Praza da Pedreira; un Contacontos Diverso a cargo de Mun Mintaka no Bar La Hormiga (Campiño de Santa María) o xoves 30 ás 18:00 horas; unha palestra arredor da realidade trans no Banco Trans dos Xardíns de Vincenti (parque das Palmeiras) con Brais Papiri, Alicia Arruti e Nee Barros (o xoves 30 ás 20:00 horas), e un faladoiro titulado 'Saúde sexual. Desmontando mitos', con Hadrián Pernas, o venres 1 de xullo ás 20:00 horas no Gastroespazo do Mercado de Abastos.
Relacionadas:
-
Pequenos grupos combaten a calor e celebran a Festa do Orgullo pontevedresa
Por Redacción |
-
Os xardíns de Pontevedra exhiben o seu Orgullo e xa pensan no novo contrato de mantemento para xullo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
As pancartas da 'Memoria LGBTIQA+' reivindican o Orgullo de Pontevedra
Por María José Pita |
-
Un espectáculo cheo de cor de Pablo Méndez para celebrar o Orgullo LGTBIQ+ en Sanxenxo
Por Redacción |
-
O Orgullo LGBTIQ+ regresa a Bueu cunhas novas xornadas pola diversidade afectiva e sexual
Por Redacción |
-
"Ambienta", a mostra de cine LGBTIQA+, volve á praza da Pedreira a última semana de xuño
Por Redacción |
-
Escape room, cabaré, cinema e música, propostas do 'Vilagarcía Diversa e Orgullosa'
Por Redacción |