A rúa Johán Carballeira de Bueu estreará os novos semáforos a finais de xuño
Por Redacción
As obras para rehabilitar o firme da rúa Johán Carballeira, na que se instalarán semáforos para regular o intenso tráfico que atravesa este vial, prevén rematar a finais deste mes de xuño.
Os traballos, que comezaron a semana pasada, supoñen un investimento de case 93.000 euros, que van con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A empresa Construcciones Fechi, que é a que se está a encargar dos traballos, xa actuou sobre as beirarrúas, así como no asfaltado e cableado da rúa Johan Carballeira na parte superior, que estivo cortada ao tráfico durante toda a semana.
A idea é que a próxima semana rematen as actuacións neste tramo e xa se comece na zona superior, concretamente entre Pazos Fontenla e Montero Ríos.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, destaca que neste segundo tramo hai menos escavacións e demolicións, polo que os cortes ao tráfico serán máis puntuais. "Contamos con facer enseguida as canalizacións e iniciar a pavimentación e a instalación da rede semafórica", explicou.
Esta obra vai permitir regular a intersección da PO-315 coa rúa Johan Carballeira mediante a instalación de semáforos e rehabilitará e mellorará o firme da propia rúa no tramo comprendido entre a estrada autonómica e a rúa Montero Ríos, cuxo estado de conservación non é óptimo.
O vial xa foi obxecto de múltiples arranxos nos últimos anos debido ao gran fluxo de vehículos que soporta, ao coincidir o tránsito cara a urbanización das Lagoas ou cara equipamentos municipais como a piscina, así como ser a principal conexión coa céntrica rúa Pazos Fontenla.
Esta situación agrávase durante o verán, pois moitísimas persoas acceden a través dese vial ás praias e a outros espazos turísticos, polo que con esta rede semafórica ordenaranse os fluxos de vehículos e eliminaranse os embotellamentos.