Tomás Fole remodela o seu goberno en Vilagarcía trala entrada dun novo concelleiro
Por Redacción
A entrada de Francisco Javier González Mariño como concelleiro do PP na corporación municipal de Vilagarcía de Arousa provocará unha remodelación do goberno na capital arousana. O alcalde, Tomás Fole, ultima os cambios no seu executivo para incorporar ao novo edil, que substitúe a Luís Garrigós, que renunciou ao seu cargo como concelleiro de Deportes por motivos estrictamente persoais.
Pero González Mariño non asumirá as responsabilidades do seu compañeiro de partido. A Xunta de Goberno local aprobará mañá, se non hai cambios de última hora, que o novo edil asuma as competencias de Cultura. Polo momento descoñécese se a carteira de Deportes, que exerce o propio Tomás Fole desde a dimisión de Garrigós, seguirá en mans do alcalde ou será transferida a outro membro do grupo de goberno.
Así as cousas, a actual concelleira de Cultura, Anxos Rodríguez, tamén cambiará as súas funcións dentro do goberno municipal de Vilagarcía, aínda que non transcendeu cales serán as súas novas responsabilidades. Podería non ser a única afectada polos cambios. Moito se especulou sobre o futuro de Marta Rodríguez, un dos alicerces do executivo de Tomás Fole, agora que renovou o seu posto como deputada no Parlamento galego.
Marta Rodríguez, xunto coas concelleiras Elena Suárez e Rocío Llovo (ambas con dedicacións exclusivas) conforman o núcleo duro do goberno de Fole. Un executivo que se completa con Manuel Tarrío, Manuel Pardal, Jesús Longa, Ángeles Rodríguez, Francisco González, Antonio Carballo e Ángel Benito Pérez Dorgambide, este último tralo pacto cos Independentes de Vilagarcía (IVIL).
Este luns coñeceremos todos os detalles desta remodelación.