O PP demanda actuacións municipais para que as praias de Lérez e de Ponte Sampaio obteñan a bandeira azul
Por Redacción
Rafa Domínguez, portavoz municipal do Partido Popular, rexistraba este martes unha moción para que se debata en pleno na que demanda o inicio de estudos e traballos para que Pontevedra aspire a obter bandeiras azuis para as dúas praias do municipio.
O representante do PP argumenta que a Consellería de Sanidade da Xunta recolle no censo oficial de zonas de baño de Galicia á praia da parroquia de Ponte Sampaio e á praia fluvial do Lérez cunha clasificación sanitaria da auga de "excelente" en ambos os casos.
Domínguez afirma que "respectar, coidar e protexer as nosas zonas verdes, así como as nosas praias, debe ser un dos eixos centrais de traballo deste Concello". Por este motivo considera que é "unha materia pendente" que as praias do municipio sexan recoñecidas por Adeac, un organismo "independente e valorado a nivel internacional como son as bandeiras azuis", asegurando que é un símbolo para millóns de usuarios de praias e portos en preto de medio centenar de países. "Trátase dun estándar mundial de ecocalidade turística", asegura o portavoz popular.
Na súa exposición pon como exemplo a outros municipios como Sanxenxo, Bueu, Poio, Marín e Ponte Caldelas. "Cremos que é de xustiza que Pontevedra obteña esta certificación para os seus areais. No país do mundo con máis bandeiras azuis, a nosa cidade non pode permitirse non ter ningunha", sinala Rafa Domínguez que pide ao goberno municipal que continúe mellorando de maneira permanente a calidade da auga destes dous areais.
Esta moción preséntase despois de que o goberno local anunciara o seu rexeitamento da bandeira azul para a praia fluvial do Lérez. Iván Puentes, concelleiro responsable de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, explicaba esta decisión alegando que o sistema de Adeac "choca cos principios de preservación da natureza salvaxe".
Relacionadas:
-
Benvida ao verán en Sanxenxo co izado das 17 bandeiras azuis
Por Redacción |
-
Reforzo de area, aseos, boias e socorristas a diario para a tempada de verán na praia de Ponte Sampaio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Rafa Domínguez, presidente local do PP: "creo que o BNG ten un problema de cambio xeracional"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rafa Domínguez, sobre o rexeitamento do Concello ás bandeiras azuis: "é unha tomadura de pelo"
Por Redacción |
-
Pontevedra renega da bandeira azul para a praia e a senda do Lérez
Por Manu Otero |