O PP reclama a Mosquera que convoque á comisión para tratar o PXOM
Por Anxo Lourido
O concelleiro do Partido Popular, Ricardo Aguilar, insta o alcalde de Pontevedra a que obrigue ao concelleiro César Mosquera a convocar a comisión na que se tería que debater o plan xeral de ordenación municipal (PXOM). Segundo expoñen dende o Partido Popular, esta comisión non se convoca dende hai dous meses e segundo entenden, a causa encóntrase na orde plenaria que o obriga a presentar o PXOM antes de maio de 2014.
Ricardo Aguilar indica que Mosquera "en seis meses non fixo nada, estase a escapar" e que, segundo afirma, está a derivar determinados temas a outras comisións como as de Economía e Facenda. Desta forma, Aguilar entende que o concelleiro de Infraestructuras non explica na correspondente comisión sobre ningún dos principais temas de desenvolvemento da cidade como o desdobramento da Avenida de Vigo, a nova reparación dos xardíns do monumento dos Heroes de ponte Sampaio, o aparcadoiro entre Juan Bautista Andrade e Pasarón ou o corte do carril da ponte da Barca.
Dende o Partido Popular responsabilizan a Miguel Anxo Fernández Lores de permitir a César Mosquera esta actitude ante un tema fundamental para o futuro plan da cidade e reclaman que se cumpra coa normativa e o concelleiro convoque a comisión permanente de medio, xestión, plan xeral, infraestruturas e mobilidade.