A Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar reafirman a súa colaboración a través da Cátedra Álvarez-Ossorio
Por Redacción
O vicerreitor do campus de Pontevedra en funcións, Jorge Soto, e o comandante director da Escola Naval Militar (ENM) de Marín, o capitán de navío Pedro Cardona, presentaron este luns o "acto de sinatura simbólica" da renovación da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que foi creada en 1997 ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Ministerio de Defensa, como un órgano de relación institucional para temas culturais, técnicos e humanísticos.
A Cátedra estaba inicialmente ligada á antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA), pero dende o ano 2003 ten sede na Escola Naval Militar de Marín.
Este luns a Universidade e o Ministerio reafirmaron a súa vontade de "manter e potenciar o desenvolvemento" da cátedra, a través da sinatura dun novo convenio para "fomentar as súas relacións de colaboración e a promoción conxunta de temas culturais, técnicos humanísticos".
"Nun país no que moitas veces ás iniciativas perden impulso rapidamente, estamos celebrando un cuarto de século de actividade constante e de calidade", salientou o vicerreitor.
O acto contou coa participación de Antonio Álvarez-Ossorio, fillo do almirante que dá nome á cátedra que alberga "conferencias, traballos de investigación e actividades culturais".
Jorge Soto destacou a importancia de que a cátedra vaia máis aló da organización de relatorios para "entroncar directamente con dúas pezas importantes para a ENM como son a sociedade de Marín e a Universidade de Vigo".
Pola súa banda, Cardona destacou que o obxectivo da cátedra é contribuír o achegamento da Armada "á sociedade civil" e puxo de relevo a "calidade excepcional" dos conferenciantes que pasaron pola mesma ao longo destes 25 anos.