Récord de terrazas en Pontevedra: hai máis de 2.000 veladores na cidade
Por Alejandro Espiño
O número de terrazas nos establecementos de hostalería alcanzaron este ano 2022 un nivel nunca antes visto en Pontevedra. Por primeira vez, os veladores instalados na vía pública superan o dous mil. En concreto, hai rexistrados un total de 2.025.
Estes veladores -que se corresponden a unha mesa e catro cadeiras cada un- son 140 máis dos que había en 2021 e corresponden a 326 establecementos.
Por cada velador, un local de hostalería debe pagar unha taxa duns 75 euros.
O Concello espera recadar este ano preto de 219.000 euros por este concepto, despois de dous anos nos que, debido á pandemia, esta taxa estivo bonificada.
En 2020, segundo os datos municipais, non se ingresou nada; mentres que en 2021 recadaron 130.000 euros, ao non cobrar os meses nos que a hostalería estivo sen actividade.
Nos últimos meses, os técnicos municipais depuraron todo o padrón de veladores, entre outras cuestións, para perseguir a fraude e avanzar na equidade fiscal.
Para os próximos meses, o Concello asegura que se tentará volver á situación que había antes da pandemia, polo que aos poucos iranse reducindo os espazos reservados para esta actividade, que se ampliaron para cumprir coas distancias de seguridade.