Comanchita, a tartaruga mariña rescatada en Ons, regresa ao mar
Por Redacción
A Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma) que colabora coa Xunta no tratamento e liberación dos animais que recalan nas costas galegas, devolveu esta semana ao mar á tartaruga mariña nomeada como Comanchita.
Comanchita foi rescatada o 30 de abril nas inmediacións da Illa de Ons por unha embarcación que aboiaba en Portonovo, crendo que estaba sen vida. Sen embargo, despois de ser trasladada á UCI da Cemma en Nigrán e manterse baixo observación ata finais de maio, determinouse que gozaba dun bo estado de saúde xeral.
Este exemplar, pertencente á especie caretta caretta, embarcou a pasada fin de semana no Chasula, a unhas 10 millas da localización onde foi atopada, para facilitarlle o regreso ao seu hábitat natural.
Durante o tempo que pasou en observación, defecou restos de plástico as primeiras semanas despois de ser rescatado. Non obstante, destacan desde o Cemma, que o seu sistema dixestivo evolucionou favorablemente ata acadar o bo estado xeral que posúe actualmente e que permite a súa devolución ao mar.
Grazas ao espazo da Cemma, Comanchita e outras especias mariñas que recalan nas costas galegas son auxiliadas. Trátase da única organización autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Natural para xestionar a Rede de varamentos de Galicia, e que a súa actividade estase a desenvolver de maneira particularmente intensa nun ano caracterizado pola forte presenza de tartarugas mariñas no litoral galego.
Comanchita forma parte dos máis de 120 exemplares detectados vivos nas nosas praias ao longo dos últimos 20 anos. Delas, 10 pertencen á especie dermochelys coriacea–coñecidas como 'de coiro'-, de ata dous metros de lonxitude e 400 quilogramos de peso. O resto son tartarugas mariñas comúns como a liberada esta fin de semana, que adoitan aparecer atrapadas en aparellos de pesca e, despois de ser tratadas axeitadamente pola Cemma, son devoltas ao mar, como sucedeu na maior parte dos casos.