Lores presenta o modelo de cidade en Belfast ante expertos en urbanismo e cambio climático
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou este venres na derradeira xornada do congreso "Belfast: Cities Overcoming Challenges", organizado pola Academia de Urbanismo de Reino Unido.
O rexedor da cidade defendeu e expuxo o modelo de cidade de Pontevedra. Lores fixo un percorrido polo miúdo de todas as medidas que foron tomadas ao longo dos anos, desde as restricións de tráfico nos vehículos pola zona monumental, a idea de "crear unha cidade co número de coches mínimo para funcionar", as limitacións de velocidade á hora de circular pola contorna urbana ou a idea de gañar espazo público para as persoas.
O congreso contou con preto de cen participantes, a maioría expertos en urbanismo, cambio climático e arquitectura urbana.
Segundo a información que traslada o gabinete de comunición do Concello, "os presentes amosaron un interese evidente na conferencia ofrecida polo alcalde, a través de diferentes cuestións após a finalización da palestra" afondando en diferentes aspectos da transformación, "impresionadas pola mudanza acontecida", deixando atrás, en palabras do rexedor, "unha cidade que era gris e contaminada", para obter unha cidade "para todas as persoas, con accesibilidade universal e chea de actividade dinámica, cultural e económica".
Tanto antes coma despois da exposición, o alcalde puido conversar con algúns dos outros convidados ao evento, que amosaron o seu interese en visitar a cidade e mesmo ofrecer os seus coñecementos para a Boa Vila, sexa a través da participación en posibles proxectos futuros, sexa con visitas de estudantado especializado en arquitectura e urbanismo.
O alcalde valorou moi positivamente a xornada, subliñando que "este tipo de promoción non ten prezo á hora de falar de proxección internacional", afondando na idea de "Pontevedra como referente no mundo" neste eido, e amosando a capacidade da cidade do Lérez para levar á práctica un sistema que "funciona" e que "mellora a vida das persoas".
Fernández Lores agradeceu o convite recibido no Concello de Pontevedra e animou a todos os presentes a seguir camiñando nesta senda da transformación urbana, "amosando que outro tipo de cidades son posibles", lembrando tamén "a responsabilidade política que isto supón", sobre todo á hora de tomar "decisións valentes que cambian as vilas e as vidas das persoas que as habitan".