Rueda anuncia melloras nas infraestruturas e na accesibilidade na illa de Ons

Por Oskar Viéitez
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este xoves a aprobación dun proxecto de acondicionamento da Illa de Ons que contará cun investimento de 1,4 millóns de euros.
"Trátase de facer melloras nas infraestruturas básicas e na accesibilidade, na xestión de residuos, na sinalización ou no control de aforamentos de visitantes", engadiu.
Máis polo miúdo, explicou que as áreas de actuación serán: o punto de acceso á illa, o centro de Información, a rúa principal da vila, o espazo da contorna da depuradora, o acceso ás praias do sueste, a sinalética e mobiliario dos espazos públicos, a recuperación dos camiños da illa e a mellora do almacén para dornas, habilitando para os pescadores unha área máis protexida e privada, cun novo portalón de madeira que permita controlar o acceso.
Este proxecto enmárcase nos 12 BIC de titularidade pública galegos dentro do Plan Xacobeo Next Generation polo cal se levan a cabo proxectos de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico galego.
Así, dixo, nunha primeira fase levarase a cabo a recuperación da calidade do espazo público nas vías de uso máis intenso, coa renovación dos acabados e introducindo materiais naturais e locais como o granito e a madeira. Ademais, o proxecto inclúe mellorar as infraestruturas básicas como son as instalacións eléctricas da vía principal
O proxecto actúa tamén na mellora dos roteiros existentes da illa, a través do acondicionamento da capa de pisada naquelas áreas dos camiños que a acción da intemperie deteriorase a súa superficie de tránsito, ademais propóñense un par de puntos de descanso nas sendas a modo dun macizo de pedra baixo sobre a terra para reducir o seu impacto visual coa intención de camuflarse coa contorna natural que os rodea.
LIFE INSULAR
Por outra banda, Alfonso Rueda informou que Galicia lidera un proxecto de cooperación transnacional entre España e Irlanda que ten como obxectivo definir e implementar unha estratexia integrada para a xestión sustentable dos hábitats insulares pertencentes á Rede Natura 2000. En concreto, tres das cinco illas que formarán parte desta iniciativa son galegas: Cíes, Ons e Sálvora, todas elas integradas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
A implicación da Comunidade no chamado Life insular foi ratificada este xoves polo Consello da Xunta, que autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Universidade de Santiago de Compostela para establecer as bases da súa participación técnica e económica no proxecto.
"A Xunta quere facer melloras no hábitat de Cíes, Ons, e Sálvora para facelos máis resistentes ao cambio climático e para a restauración da súa paisaxe natural co obxectivo de que se recupere a situación de hai 70 anos" dixo o presidente, incidindo en que desta forma, se minimizará o impacto de posibles perturbacións externas sobre as zonas de actuación e, sobre todo, buscarase unha recuperación drástica da paisaxe natural.
Cun orzamento de máis de 5,2 millóns de euros para executar ao longo de 5 anualidades, a principal achega económica ao proxecto procede da Unión Europea, que cofinanciará as actuacións previstas con 3,95 millóns de euros a través do programa Life —dedicado de forma exclusiva ao ambiente e á acción polo clima—.
Relacionadas:
-
Equipan con GPS aos cabalos da illa de Sálvora para telos localizados
Por Redacción |
-
O presidente da Xunta participa no xantar da terceira idade da Lama
Por Redacción |
-
Ons celebra os vinte anos do Parque Nacional das Illas Atlánticas, un "emblema turístico" de Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
As Corbaceiras súmase un verán máis aos portos con saída para viaxar á illa de Ons
Por Redacción |
-
Gregorio Agís agarda que Tambo acolla visitas guiadas de xeito regular este verán
Por Oskar Viéitez |
-
Proxectan catro novas sendas para unir Combarro con Bora nun paseo litoral continuo
Por Oskar Viéitez |