"Boa sintonía" entre administracións para 'poñer couto' ao tráfico de paso en Leborei
Por Alejandro Espiño
Dun xeito "inminente" entrarán en vigor as novas limitacións de tráfico en Leborei, na parroquia de Cerponzóns, para atallar os continuos problemas que xeran os vehículos pesados que atravesan este lugar para cruzar entre as estradas PO-531 e N-550.
Así se acordou na xuntanza que este mércores mantiveron representantes do Concello, da Axencia Galega de Infraestruturas, da Dirección Xeral de Tráfico e da Garda Civil.
Todas as administracións implicadas decidiron eliminar os tráficos de paso por este núcleo. A partir de agora a circulación por Leborei estará prohibida, agás no caso dos residentes ou dos servizos autorizados. Instalarase a sinalización que indique esta nova situación.
A medida entrará en vigor unha vez sexan fabricados e achegados os sinais de tráfico que oficializarán as novas normas de circulación na zona, que foron tamén acordadas coa veciñanza deste núcleo nunha asemblea celebrada hai uns días.
Con todo, desde o Concello expuxeron que "a única alternativa que realmente vai funcionar e poñer fin ao conflito cos coches que van desde a estrada de Santiago ata a de Vilagarcía pasa pola construción da variante de Alba", segundo indicou o edil de Rural, Alberto Oubiña.
"Non se trata de desviar o tráfico por unha vía lateral do propio núcleo, senón que ten que ir por onde ten que ir, que sería a variante de Alba, polo que a proposta de corte está situada en tres puntos distintos", engadiu o concelleiro do BNG.
Relacionadas:
-
Leborei estreará o luns a sinalización que restrinxe o tráfico entre as casas
Por Redacción |
-
Manuel Gallego, denunciado por ameazas e abuso sexual a unha veciña, deféndese: "Eu non fun, inventouno"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Tráfico impartirá educación viaria para maiores en Carballedo, Cerdedo e Tenorio
Por Redacción |
-
Tráfico xa advertiu hai un ano da necesidade de aplicar medidas en Leborei
Por Natalia Puga |
-
Acordo para que o tráfico quede restrixindo a residentes e servizos en Leborei
Por Redacción |
-
Segundo camión atrapado en Leborei en menos dunha semana
Por Redacción |
-
Leborei rexistra un novo incidente cun camión atrapado na vía secundaria
Por Redacción |