As novas papeleiras de Combarro serán máis ecolóxicas
Por Redacción
O Concello de Poio procederá á substitución das papeleiras do casco histórico de Combarro. Segundo explica o concelleiro Julio Casás, o emblemático núcleo da vila pasará a contar cunha serie de novos recipientes máis ecolóxicos e de carácter reciclable. "Ademais de continuar apostando pola renovación do mobiliario, tamén consolidamos a nosa aposta pola sustentabilidade”, recalca o edil.
Desde o departamento de Servizos Municipais xa levan varias semanas traballando na revisión, reparación e substitución de papeleiras en diferentes puntos do municipio. Hai unhas semanas procedeuse, precisamente, á renovación dos recipientes situados ao longo do paseo de Lourido, así como nas inmediacións da praia.
O concelleiro socialista sinala que, se ben os operarios municipais pasan revista de xeito periódico ao mobiliario, “a colaboración da cidadanía é moi importante e agradecémola profundamente”, polo que anima á veciñanza a utilizar a ferramenta Liña Verde para avisar ao Concello en caso de detectar algún desperfecto.
Con respecto á actuación a desenvolver no casco histórico de Combarro, Julio Casás incide na importancia de que efectuar estas tarefas antes da chegada da tempada estival. “Somos conscientes de que Combarro é un dos grandes referentes turísticos de Galicia, polo que traballamos para mantelo nas mellores condicións”, sinala. Precisamente, está previsto tamén que a vindeira semana a empresa responsable do tratamento do lixo, Valoriza, proceda a realizar unha limpeza específica e baldeo das rúas deste enclave.
Relacionadas:
-
Proxectan catro novas sendas para unir Combarro con Bora nun paseo litoral continuo
Por Oskar Viéitez |
-
O pleno de Poio aproba un convenio cos comuneiros de Combarro para crear un circuíto BTT
Por Redacción |
-
Combarro terá cinco novos aparcamentos, tres deles reservados para residentes
Por Redacción |