Zara Home mudarase a Benito Corbal a finais do verán
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga
Inditex aumentará aínda máis a súa presenza na 'milla de ouro' de Pontevedra. Zara Home, a firma de roupa do fogar da multinacional galega, mudarase a Benito Corbal.
Ocupará o local que deixou libre outra das marcas do grupo, Stradivarius, que abrirá mañá xoves a súa nova tenda nesa mesma rúa, onde estaba o supermercado Gadis.
Zara Home abandonará así o baixo que ocupaba desde 2007 na rúa Frei Xoán de Navarrete 5, o que no seu día foi a entrada e o vestíbulo do histórico Cine Gónviz.
Fontes próximas á operación confirmaron a PontevedraViva que a intención de Inditex é que este novo establecemento poida abrir as súas portas a finais deste verán.
Para a reforma do local de Benito Corbal 25, onde estaba Stradivarius, a compañía xa solicitou a licenza de obras no Concello e prevé alixeirar os trámites o máximo posible para avanzar con esta reforma e cumprir os prazos previstos.
O 'novo fogar' de Zara Home ofrecerá aos clientes un maior espazo expositivo que o actual, xa que a tenda conta con superficie repartida en dúas plantas, unha con acceso pola rúa Benito Corbal e outra pola Praza de Barcelos.
O cambio, en principio, non terá efectos sobre o seu persoal de traballadoras, que serán trasladadas á nova tenda, que está a apenas 300 metros da actual.