Volve Pontebirra, a Feira da Cervexa Artesá de Pontevedra, con máis dun cento de elaboracións
Por Redacción
Máis de cen tipos diferentes de cervexa, procedentes de Galicia, Madrid, Castela e León, Castela A Mancha e Portugal estarán dispoñibles na cuarta edición de Pontebirra, a Feira da Cervexa Artesá, que se celebrará na Praza de España entre os días 16 e 19 de xuño.
Este evento gastronómico, que será inaugurado o xoves 16 ás sete da tarde, ofrecerá as elaboracións das pontevedresas Meiga e Nasa e as de Nós (Vigo), Irmaos de Lei (Vigo), Atlántica (Redondela), The One (Sanxenxo), Bubela (Lugo), Go (Madrid), Áncora (Ourense), Castreña (O Bierzo), Nortada (Porto), Siesta (Burgos) e Banda (Nigrán).
O organizador de Pontebirra, Esteban Loureiro, explica que este é un festival de carácter familiar, que ten como obxectivo principal "fusionar a cervexa artesá coa comida de rúa, xerando así un espazo cultural diferente".
Así, por unha banda haberá sete foodtrucks: Yummy World, de hamburguesas gourmet; La Gallega, de grella e polbo; Caleyes, de hamburguesas; Crepería Sebastian, de crepes; Baden Baden, de salchichas; Capitán Samosa, de samosas, e Croquetas D.
Haberá unha área reservada para os xogos populares e, ademais de obradoiros infantís, haberá as actuacións musicais de Brasi, Kelloh, Nós Folk ou Los Tónikash e unha sesión vermú que correrá a cargo de Rapariga DJ.
Pontebirra, tras a súa inauguración, estará aberta ao público desde as 12:00 horas, pechando portas á 1:00 horas o venres 17 e o sábado 18 e ás 22:00 horas na clausura, o domingo 19.