Así é 'subROV', o videoxogo creado en Pontevedra para explorar os océanos
Por Alejandro Espiño
Coincidindo co Día Mundial dos Océanos, que se celebra este 8 de xuño, o estudo sqr3 lab de Pontevedra desvelou as primeiras imaxes subROV: Underwater Discoveries, un simulador que pon ao xogador aos mandos dun submarino de exploración científica ao longo e ancho do globo.
Se se cumpren as previsións, será publicado na plataforma Steam a finais deste ano. É obra do compositor e deseñador de son José González, que leva máis de vinte anos desenvolvendo videoxogos pero que, ata o de agora, non afrontara un proxecto en solitario.
O seu creador explica, nunha entrevista con PontevedraViva, que este simulador ofrecerá a posibilidade de operar remotamente un submarino para realizar unha serie de misións de exploración científica en diferentes océanos do mundo, deseñados a partir de escenarios reais.
Así, entre outras aventuras, os xogadores poderán cartografar rexións inexploradas, descubrir pecios afundidos ou estudar diferentes criaturas submarinas, ofrecendo unha navegabilidade accesible a todos os públicos, teñan ou non experiencia nesta materia.
"Buscando inspiración para un videoxogo atopei vídeos submarinos de diversos institutos oceanográficos e chamáronme a atención", subliña José González, que asegura que "me gustou a idea de poder percorrer o fondo dos océanos mediante un simulador".
Tras comprobar que non existían proxectos similares, máis aló dos simuladores profesionais "que non son accesibles para a xente", o estudo sqr3 lab comezou a desenvolver o videoxogo, que recibiu financiamento da Fundación Nacional de Ciencias de Estados Unidos.
Dous institutos oceanográficos, o Bermuda Institute of Ocean Sciences e o Schmidt Ocean Institute -este último propietario dun buque de exploración que está a ser reconvertido en Vigo- ofrecéronlle asesoramento científico e varias das súas misións serán recreadas no xogo.
"Imos recrear o que se ve neses vídeos das misións submarinas dunha forma que sexa interactiva e accesible", detalla o director de subROV: Underwater Discoveries, no que os xogadores "terán misións e obxectivos que cumprir".
Todas estas aventuras estarán inspiradas en investigacións reais "pero tamén me tomo certas liberdades" para redondear as historias, que estarán ambientadas "nas mesmas profundidades que saen nas gravacións orixinais".
O máis complicado á hora de abordar un proxecto destas características, recoñece González, está a ser "encargarme eu de todo". Sexa como sexa, está convencido de que isto non será un impedimento para que este simulador vexa a luz na data prevista.
Relacionadas:
-
O videoxogo pontevedrés que invita a explorar os fondos submarinos xa está dispoñible
Por Alejandro Espiño |
-
Unha empresa de Verducido reduce ata nun 90% os gases de efecto invernadoiro que emite o xurro das granxas de vacún
Por Redacción |
-
Greenpeace reivindicará a protección dos océanos en Vilagarcía o vindeiro sábado
Por Redacción |
-
Un videoxogo feito en Pontevedra achegará a problemática do cambio climático no medio mariño
Por Redacción |
-
O xogo que converte a Pontevedra en escenario de crimes a resolver
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |