O DOG publica a declaración de utilidade pública da aldea modelo de Mouteira-Parada
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes o decreto da Consellería do Medio Rural polo que se declara de utilidade pública e de interese social a aldea modelo de Mouteira-Parada, en Cerdedo-Cotobade.
Trátase dunha das primeiras cinco aldeas declaradas tras a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ás que, polo tanto, se lle aplicará esta novidade, que implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para a tramitación de urxencia do seu procedemento e dos informes ambientais e sectoriais respectivos.
Esta declaración de utilidade pública das cinco aldeas permitirá axilizar a posta en valor de máis de 130 hectáreas arredor dos núcleos de poboación que se busca dinamizar, con case 1.400 parcelas implicadas de preto de 600 propietarios.
En concreto, a aldea modelo de Mouteira-Parada consta de 17,99 hectáreas, 427 parcelas e 109 titulares.
O seguinte paso será aprobar o proxecto de ordenación produtiva, no que se delimitarán -entre outros aspectos- os usos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas na aldea modelo e as obras e infraestruturas necesarias para a súa posta en produción, así como as operacións de limpeza para os predios que asuman o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia.
De ser necesario, poderanse levar a cabo tamén traballos de investigación da titularidade daquelas parcelas das que se ignore quen é o seu dono. Finalmente, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural realizará a convocatoria dun procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas ás aldeas modelo.
Mediante estes instrumentos, perséguese avanzar na procura da recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal -particularmente daqueles que se encontran en situación de abandono e infrautilización-, así como dos núcleos incluídos neles. O obxectivo é fixar poboación e mellorar a calidade de vida nestas zonas, ao tempo que se aumenta a seguridade das persoas e dos seus bens ao exercer este aproveitamento das terras de devasa natural fronte aos incendios forestais.
Relacionadas:
-
Comeza o procedemento de investigación da titularidade de inmobles na aldea modelo
Por Redacción |
-
Aprobado o proxecto de ordenación produtiva da aldea modelo de Mouteira-Parada
Por Oskar Viéitez |
-
Poñer en valor o monte veciñal, obxectivo das comunidades do Sangal e Alto do Seixo
Por Redacción |
-
A aldea modelo de Mouteira-Parada e o polígono agroforestal recuperarán preto de 90 hectáreas de terras agrarias
Por Redacción |
-
Mouteira-Parada, único núcleo da provincia incluído na listaxe da Xunta de "aldeas modelo"
Por Manu Otero |
-
A veciñanza da parroquia de Parada quere ser unha "aldea modelo"
Por Redacción |