Vilaverán abre inscricións para que as familias de Vilaboa poidan conciliar

Por Redacción
O Concello de Vilaboa pon en marcha o seu programa de conciliación familiar para as vindeiras vacacións estivais, Vilaverán, que oferta actividades lúdico-formativas para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos durante os meses de verán.
"Este ano incrementa o número de prazas ante a intensa demanda que se está a rexistrar e co obxectivo de facilitarlle as opcións de conciliación a todas as familias, sen que ninguén quede sen praza", apunta César Poza, alcalde de Vilaboa, que recorda que o ano pasado o Concello ofertou 50 prazas, que pasan nesta edición a un total de 80.
As familias interesadas en beneficiarse desta iniciativa poderán formalizar a súa inscrición entre o 10 e o 25 de xuño chamando ao número de teléfono 986 673 806 ou presencialmente na Casa de Cultura de Riomaior.
Vilaverán ten un custo de 30 euros mensuais que as familias deberán abonar no momento do inicio das actividades.
Os participantes dividiranse en dous grupos atendendo á súa idade. Por unha parte, os nenos de entre 3 e 5 anos participarán nas actividades os martes e xoves en horario de 10.30 a 13.30 horas, mentres que os de 6 a 12 anos o farán os luns e mércores no mesmo horario.
En ambos casos o programa, que conta con 40 prazas para cada franxa de idade, desenvolverase nas instalacións do colexio de Riomaior. Trátase dunha actividade organizada co apoio das ANPAs do Toural, de Riomaior e do CRA de Vilaboa, coa colaboración da compañía Teatro Migallas.