Bueu rexeita o convenio de Portos de Galicia sobre a pesca recreativa por "improcedente e inoportuno"
Por Redacción
A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 6 de xuño, unha nova sesión plenaria ordinaria que centrou o debate nas dúas mocións presentadas polos grupos de goberno (BNG e ACB) nas que se esixían que Portos de Galicia asuma as súas responsabilidades, e que foron aprobadas cos votos favorables dos grupos do goberno e máis do PSOE, mentres que o PP se abstivo.
Tal e como manifestou o alcalde de Bueu, Félix Juncal, "Portos ningunea ao noso concello, e non é normal que en vinte anos non tivésemos acceso a unha gran actuación, mentres que se seguen cobrando taxas abusivas e botando balóns fóra".
Coa primeira das mocións mostrouse o rexeitamento ao convenio remitido hai unhas semanas polo ente autonómico no que se inclúe un texto que dende os grupos de goberno consideran "improcedente e inoportuno, pois o que pretende Portos de Galicia é que, unha vez máis, as entidades locais asumamos tarefas de vixilancia e sinalización das zonas nas que estaría permitida a pesca recreativa nos seus portos, ademais de asumir as posibles responsabilidades patrimoniais derivadas do exercicio desta actividade".
Como xa se veu denunciando ao longo dos últimos anos, os concellos non contan coas competencias que se lles queren atribuír, "pois non temos capacidade de cumprir coas obrigas que tratan de impoñer neste convenio que, como se dixo, non foi consensuado de forma previa nin cos concellos nin cos colectivos da pesca recreativa".
Por iso, a moción acordou "o rexeitamento do Concello de Bueu á proposta de ‘Convenio de cooperación entre Portos de Galicia e o Concello para o auxilio e control da práctica da pesca deportiva e de lecer nas instalacións do porto de Bueu’, posto que o Concello non pode nin debe asumir competencias que non lle son propias", ademais de solicitar a mediación da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
En palabras de Juncal, "se considera unha absoluta falta de lealdade institucional, e que ademais non soluciona un problema que crearon dende Portos". Tamén Julio Villanueva, vicealcalde e voceiro de ACB, manifestou o seu apoio e apuntou que "os convenios son acordos entre dúas partes, e aquí isto non se cumpre". Mentres, a voceira do PP, esgrimiu que "o Concello podería estudar e enviar as propostas a este borrador de convenio e fixar un período de proba, pois nel hai cuestións asumibles".
A moción insta a Portos de Galicia a asumir, "sen escusas, as súas obrigas en canto ao mantemento e conservación da totalidade dos espazos portuarios, e non só dos que teñan directamente un uso portuario; ou ben que procedan á desafectación e reversión ao dominio público marítimo terrestre". Así mesmo, o texto tamén incide en que "no caso de non recibir unha resposta positiva, dende o Concello procederase a xirar as liquidacións correspondentes aos espazos portuarios".
O rexedor incidiu en que "temos que pedir que se invista en Bueu o mesmo que se inviste noutros concellos, pois creo que é de xustiza despois de tantos anos asumindo tarefas de mantemento, e de conservación en espazos que non son municipais".
BIBLIOTECA
O pleno tamén deu luz verde, por unanimidade, á aprobación do expediente de contratación da obra de mellora da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, cun orzamento próximo ao millón de euros que se financiará con cargo ás axudas do ReacPon e Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra.
Tal e como destacou o rexedor, "esta actuación vai permitir ampliar o espazo dunha infraestrutura utilizada por moitas persoas, e adaptala aos tempos que vivimos, implementando a accesibilidade, e a mellora enerxética". Tras este trámite no pleno, proximamente publicarase o anuncio na Plataforma de Licitación do Estado e no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica do Concello para que as empresas poidan presentar as súas ofertas económicas.
A que non se aprobou foi a moción presentada polo PP relativa a un "Bueu máis limpo", na que se instaba ao goberno local a retomar as campañas de concienciación sobre os excrementos dos animais na vía pública, a través da publicación dun bando da alcaldía, repoñer as papeleiras e dotalas con regularidade de bolsas para recollida destes residuos, ademais de explorar as medidas necesarias que permitan maior control. Xosé Leal, voceiro do BNG, apuntou que "esa campaña xa a levamos a cabo no 2017 e non compartimos esa visión catastrofista, pois o Bueu de hoxe nada ten que ver co de antes".
A moción non saíu adiante, pois só contou cos votos a favor de PP e PSOE, mentres que o BNG e ACB votaron en contra.
Relacionadas:
-
Portos de Galicia e Bueu achegan posturas para abrir o peirao á pesca recreativa "coas maiores garantías"
Por Redacción |
-
Licitan as obras de mellora do Porto de Bueu por 340.000 euros
Por Redacción |
-
Unha empresa especializada creará un plan para reactivar a área recreativa de Chans
Por Redacción |
-
Bueu busca a colaboración cidadá para elaborar a nova ordenanza de terrazas
Por Redacción |
-
Abre o prazo de solicitude en Bueu para as fogueiras de San Xoán e San Pedro
Por Redacción |
-
Comezan os obradoiros de igualdade nos centros educativos de Bueu
Por Redacción |