Conduce un coche roubado, bébedo e sen carné e píllano porque vai bebendo cervexa
Por Redacción
A Policía Local de Vilagarcía detivo durante a fin de semana un home que conducía un coche roubado a pesar de que non ten permiso de conducir e, ademais, estando baixo os efectos do alcohol. Os axentes descubriron todas as infraccións porque o viron bebendo cervexa ao volante e déronlle o alto.
Trátase dun veciño de Forcarei de 46 anos que foi sorprendido arredor do mediodía do venres na avenida das Carolinas. Unha vez que o viron conducindo, déronlle o alto e, tras a reticencia inicial, o home accedeu a realizar o test de alcoholemia, dando unha taxa de 0,60%, superior ao límite permitido, pero dentro do que aínda se considera infracción administrativa.
Cando os axentes lle pediron as chaves para retirar o coche da vía, o home dixo que non as tiña e, preguntado como o arrancara, recoñeceu que o fixo facendo unha ponte porque era un vehículo roubado.
A confesión fixo que os policías introducisen a matrícula na base de datos policiais, confirmando as súas sospeitas de que se trataba dun vehículo subtraído.
Ademais, ao cotexar os datos do individuo, comprobaron que carecía de permiso de conducir.
A Policía Local de Vilagarcía rexistrou durante a última fin de semana un total de cinco accidentes de tráfico, un deles cun ciclista ferido de gravidade. Sucedeu na tarde do sábado e consistiu nunha colisión entre a bicicleta e un turismo na intersección da rúa Nova coa avenida López Ballesteros.
O ciclista, que non levaba casco, golpeouse na cabeza ao caer e sufriu outras contusións polo corpo, sendo desprazado en ambulancia ao centro hospitalario. A condutora do turismo deu negativo na proba de alcoholemia e tamén tivo que ser atendida no lugar do accidente por sufrir unha crise de ansiedade.
Ademais, a Policía Local denunciou por desacato un condutor parado nun control preventivo de alcoholemia que, "con actitude agresiva e desafiante", segundo consta no parte policial, insultou aos axentes e os gravou co teléfono móbil tras ser sometido ao test de alcoholemia.