Un condutor resulta ferido ao saír da vía o seu turismo á altura de Praia Loureiro
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os equipos de intervención acudían na mañá deste sábado á Avenida de Marín no municipio de Bueu para prestar auxilio ao ocupante dun turismo que envorcaba á altura de Praia Loureiro, segundo a información facilitada polo 112 Galicia.
O accidente producíase como consecuencia dunha saída da vía. O condutor resultou ferido e era o único ocupante do vehículo. Segundo indican residentes na zona, o vehículo impactou contra o peche dunha vivenda, pero non chegou a envorcar como inicialmente sinalan as fontes oficiais do 112 Galicia.
Un particular alertaba ás 11.15 horas ao servizo de Emerxencias e a partir dese momento era activado o operativo. Inicialmente estaba prevista a intervención dos Bombeiros do Morrazo por se era necesario excarcerar o ocupante, pero finalmente os servizos sanitarios puideron actuar porque o home permanecía liberado e accesible, malia o estado do turismo.
Axentes da Policía local acudiron á zona para restablecer as condicións de seguridade e tamén se alertou ao persoal da Axencia Galega de Infraestruturas por se era necesario limpar a vía.