Unha empresa especializada creará un plan para reactivar a área recreativa de Chans
Por Redacción
O goberno local de Bueu anuncia a contratación dunha empresa especializada que será a encargada de elaborar un plan para activar a área recreativa de Chans para que se poida impulsar este espazo tanto desde unha perspectiva ambiental como de lecer.
Nesta próxima semana levarán a cabo traballos de roza e limpeza, tal e como figura no acordo que o Concello ten coa Comunidade de Montes de Cela. O executivo local pretende que este espazo convértase en referencia na parroquia e a intención é que se redacte un plan de posta en valor desta zona.
Mentres se tramita a contratación do proxecto, realizaranse eses labores de conservación e mantemento da zona, que se atopaban pendentes con motivo do parón provocado pola pandemia.
Entre outras medidas, o Concello estuda a idea de instalar asadeiros seguros que se utilicen durante todo o ano, do mesmo xeito que sucede no Lago de Castiñeiras. Tamén se contempla a construción dalgunha caseta con servizos para os visitantes. Ademais, desde o goberno que encabeza Félix Juncal queren aproveitar as posibilidades destes terreos para prácticas deportivas tradicionais, de orientación e mesmo fútbol.
De inmediato tamén se contempla a instalación de paneis de información ambiental no que se destaque a importancia das Carballeiras de Chans como un elemento singular do municipio. En canto a aspectos lúdicos, analizarase a opción de crear unha romaría como a que se facía tradicionalmente coa de San Lourenzo no mes de agosto. Para afrontar esta decisión consultarase a diferentes colectivos da parroquia.